viernes, 28 de agosto de 2015

SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


Obxecto
1. As subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social están destinadas a atender con carácter urxente ás unidades de convivencia que precisen, por estar inmersas en situacións de especial dificultade, dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, paliando deste xeito os efectos derivados dunha resolución xudicial ditada nun procedemento xudicial de desafiuzamento por non pagamento das rendas da súa vivenda habitual ou, se é o caso, evitando o lanzamento efectivo desta.
2. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas axudas concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, a través de convocatoria pública, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter sido parte, en calidade de persoa arrendataria, dun procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas, derivado dun contrato de arrendamento de duración non inferior a 12 meses.
b) Que entre a presentación da solicitude da axuda e a data da notificación da resolución xudicial de terminación do procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas non transcorreran máis de 3 meses.
c) Que teñan a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia durante polo menos 12 meses anteriores á data da solicitude da axuda.
d) Que sexa titular ou estea en condicións de subscribir un contrato de arrendamento nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa, ou vaia constituír, o seu domicilio habitual e permanente.
f) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvenciona non poderá superar os importes sinalados no artigo 6.
g) Que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o artigo 4, sexan inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples (IPREM).
h) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña unha vivenda en propiedade ou en usufruto no territorio nacional.
i) Que a persoa arrendataria nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia non teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata segundo grao, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.
2. A persoa beneficiaria non pode ser arrendataria de vivendas xestionadas polo IGVS.
3. As persoas membros da unidade de convivencia deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, do Estado e da Seguridade Social, e non estar incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prórroga da subvención
A persoa beneficiaria poderá solicitar a prórroga da subvención dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial. Para tal efecto, deberá presentar de acordo co establecido no artigo 8 parágrafos 2, 3 e 4, a solicitude que figura incorporada como anexo IV a esta orde.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e terminará ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, e en todo caso ata o día 30 de novembro de 2015.