viernes, 28 de agosto de 2015

AMPLIACIÓN DOS PROXECTOS EXPERIMENTAIS DE FORMACIÓN PROFESIONAL DUAL

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de agosto de 2015 pola que se amplían os proxectos experimentais de formación profesional dual de ciclos de formación profesional en centros educativos, en colaboración con diversas entidades, autorizados pola Orde do 3 de xuño de 2015.

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto a autorización e a implantación dun proxecto experimental de formación profesional dual de ciclos de formación profesional polo réxime de persoas adultas en centros educativos, en colaboración con diversas entidades, que amplía os proxectos autorizados pola Orde do 3 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia do 15 de xuño).
O Fondo Social Europeo cofinancia nun 80 % os gastos de funcionamento ocasionados coa posta en marcha destas ensinanzas no centro educativo e os gastos do profesorado pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria necesario para impartir estas ensinanzas.
2. A relación de centros educativos, ciclos formativos e entidades colaboradoras en que se autorizan os proxectos de formación profesional dual establécense no anexo III.
Requisitos das persoas solicitantes
Para poderen acceder a este proxecto de formación profesional dual, as persoas aspirantes deberán cumprir o seguinte:
a) Ter entre dezaseis e vinte e nove anos no ano natural en que se inicien os estudos, no caso dos ciclos de grao medio, e entre dezaoito e vinte e nove anos, no caso dos ciclos de grao superior.
b) Cumprir os requisitos de acceso aos ciclos formativos establecidos no artigo 36 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, para poder matricularse en todos os módulos profesionais do ciclo formativo correspondente, e que se detallan no modelo de solicitude, no anexo I desta orde.
c) Carecer da cualificación profesional obtida e recoñecida polo sistema de formación para o emprego ou polo sistema educativo, requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou a ocupación obxecto do proxecto.
d) Non ter realizado con anterioridade un contrato de formación e aprendizaxe, e cumprir os requisitos establecidos na normativa laboral vixente para poder efectualo.
e) Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo do proxecto solicitado, agás que fose cursando outro ciclo formativo.
Lugar e prazo de presentación de solicitude
1. Cada solicitante presentará unha única solicitude, segundo o modelo do anexo I, que se entregará en calquera dos centros que figuran no anexo II. Irán dirixidas á dirección do centro educativo.
Se a persoa solicitante presenta máis dunha solicitude, non se terá en conta a súa petición.
2. Este modelo de solicitude estará dispoñible na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.es, nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp
3. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 1 de setembro ata as 13.00 horas do día 14 de setembro de 2015.