viernes, 14 de agosto de 2015

SUBVENCIÓN PARA O FOMENTO DA COMERCIALIZACIÓN DA ARTESANÍA GALEGA E IMPULSO DA COMPETITIVIDADE DO SECTOR ARTESÁN

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Obxecto 
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento e a comercialización da artesanía galega a través do apoio aos obradoiros artesanais, concellos galegos e asociacións profesionais e empresariais de artesáns.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e conta co financiamento nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 20 % restante polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). Así mesmo, quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013,L352/1), así como aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE do 31 de xullo), 1083/2006 (DOUE do 31 de xullo) e 1828/2006 (DOUE do 15 de febreiro 2007) relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e a Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, relativa aos gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.
3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
4. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as desenvolvidas por titulares de obradoiros artesanais, concellos galegos e asociacións profesionais e empresariais de artesáns que a seguir se especifican, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2015 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19, coa excepción dos gastos efectuados no ano 2014 exixidos para a participación en eventos expositivos do ano 2015 e, se for o caso, gastos de feiras que se celebrarán no mes de decembro de 2015.
Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación das actuacións.
Beneficiarios/as
Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nos solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Titulares de obradoiros artesanais, xa sexan persoas físicas ou xurídicas e comunidades de bens, que cumpran o seguinte requisito:
– Figurar o obradoiro artesán inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, terán de prazo ata a data límite de presentación da solicitude de subvención para solicitar a inscrición no dito rexistro.
b) Asociacións profesionais e empresariais de artesáns de Galicia legalmente constituídas que cumpran o seguinte requisito:
– Que aomenos 10 dos seus membros figuren inscritos na sección segunda (obradoiros artesáns) do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
c) Concellos que cumpran o seguinte requisito:
– Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que organicen feiras de artesanía.
Prazo de solicitude: ata o 14 de setembro de 2015.