CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2015 dos programas de incentivos á contratación por conta allea que teñen por finalidade favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través dos seguintes programas:
a) Programa de incentivos á contratación indefinida inicial das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.
b) Programa de incentivos á contratación temporal das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil e a súa transformación.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.
2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria os solicitantes que estean excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.
Prazo de solicitude
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da publicación da presente orde e rematará o 30 de setembro de 2015.
Se a contratación subvencionable se formalizou entre o 1 de outubro de 2014 e a data de publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a entrada en vigor desta orde. Neste suposto entenderase como ultimo día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación desta orde. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro dia hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.
As axudas establecidas nesta orde polas contratacións subvencionables formalizadas a partir da entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral e, en todo caso, respectando o prazo xeral do 30 de setembro de 2015.