CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Obxecto
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2015 das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos seguintes programas:
– Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego (capítulo II).
– Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego (capítulo III).
Entidades beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde os centros especiais de emprego que figuren inscritos na data da solicitude da subvención como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.
2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño
En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por se atopar indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, en canto non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.
3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
4. A xustificación por parte das persoas ou entidades beneficiarias de non estaren incursas nas prohibicións contidas nos números 2 e 3 anteriores para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.
Prazo de solicitude
As solicitudes do Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, regulado no capítulo II desta orde, poderán presentarse ata o 30 de setembro de 2015.
O prazo de presentación de solicitudes do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, regulado no capítulo III desta orde, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.