miércoles, 19 de agosto de 2015

PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de promoción do emprego autónomo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015.
2. A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais cunha viabilidade económica e financeira que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.
3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015, ambos inclusive.
 Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas desempregadas, inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo o modelo 036 ou 037), sempre que, cumprindo as condicións establecidas, reúnan os seguintes requisitos:
– Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2014 e o 30 de setembro de 2015, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
– Non estar inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.
– Non percibisen subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
– Non desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas traballadoras autónomas colaboradoras.
2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a comunidade de bens ou sociedade civil deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
3. No suposto de subvencións solicitadas por persoas traballadoras con discapacidade, ademais de cumprir os requisitos anteriores, deberán ter recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, de acordo coa definición do artigo 5.1.b).
4. Quedan excluídos deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
5. Non poderán obter a condición de beneficiarios do programa regulado nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias sinaladas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
7. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria, contidas nos números 5 e 6 anteriores, realizarase mediante declaración responsable.
Prazo de solicitude: ata o 19 de setembro de 2015.