jueves, 6 de agosto de 2015

SUBVENCIÓN CUSTO SALARIAL POSTOS DE TRABALLO DISCAPACITADOS NOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


 Obxecto
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial establecida pola Consellería de Traballo e Benestar para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, e realizar a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o período desde o 1 de xullo de 2015 ata o 30 de xuño de 2016.
Entidades beneficiarias das subvencións
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG número 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.
 Poderán solicitar a subvención establecida nesta orde aquelas entidades que solicitasen a súa cualificación como centro especial de emprego. A subvención poderá concederse desde a data da solicitude de cualificación e, en todo caso, para o seu pagamento será necesario acreditar a dita cualificación e inscrición da entidade no rexistro de centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.
Prazo de Solicitude
Deberá presentarse unha única solicitude pola subvención do custo salarial por todas as mensualidades subvencionables. O prazo para a presentación desta solicitude será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.