viernes, 19 de junio de 2015

SUBVENCIÓN Á ASISTENCIA AO MICA E AO WOMEX

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e dos obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para a asistencia ao MICA (Mercado de Industrias Culturais Arxentinas) en Arxentina (días 3 a 6 de setembro de 2015) e ao Womex (The World Music Expo) en Budapest (días 21 a 25 de outubro de 2015).
A finalidade da presente convocatoria é o fomento da internacionalización das industrias culturais galegas, en especial en mercados con vínculos culturais comúns con Galicia, como é o mercado de América do Sur, así como o fomento da participación no Womex, encontro internacional de músicas do mundo, celebrado en Santiago de Compostela no ano 2014 coa colaboración da Agadic e que este ano 2015 se celebra en Budapest.
2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e dos seus organismos dependentes.
3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.
4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Beneficiarios
1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas de carácter privado, dedicadas profesionalmente á produción ou distribución de bens ou servizos culturais, con ánimo de lucro, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, con establecemento operativo en Galicia, que asistan como profesionais invitados ao MICA, Mercado de Industrias Culturais de Arxentina, ou ao Womex, inscritos como profesionais, e que desempeñen a súa actividade profesional en Galicia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.
Prazo de solicitude: ata o 20 de xullo de 2015.