lunes, 15 de junio de 2015

PROGRAMA GALEUROPA

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto, finalidade e vixencia
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán os procedementos de concesión de axudas para proxectos de mobilidade transnacional dirixido a mozos e mozas menores de 25 anos, ou menores de 30 se teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. para a realización de prácticas formativas non remuneradas en entidades/empresas públicas ou privadas de países europeos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil.
Preténdese promover e axudar a financiar á mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas en entidades/empresas públicas ou privadas de países europeos enumerados nas táboas de cada convocatoria de axudas ben directamente concedendo axudas individuais aos mozos e mozas participantes ou ben mediante concesión de axudas a proxectos de mobilidade ás entidades galegas que se especifican no artigo 3 destas bases reguladoras e na base 3ª do anexo-A.
2. A finalidade do programa de mobilidade transnacional xuvenil é reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos/as mozos/as non ocupados/as e non integrados/as nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo, ao tempo que se apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros.
3. As bases específicas reguladoras de cada un dos procedementos incorporaranse como anexo-A desta orde, que forma parte integrante dela.
4. Estas bases teñen vixencia indefinida.
Procedementos que regulan estas axudas
As axudas á mobilidade establecidas nesta orde regularanse a través de 3 procedementos distintos:
BS324A: axudas individuais de mobilidade transnacional, concedidas directamente pola Consellería de Traballo e Benestar á mocidade galega.
BS324B: axudas a proxectos de mobilidade transnacional presentados por entidades sen ánimo de lucro, con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude.
BS324C: axudas para proxectos de mobilidade transnacional presentados por concellos, mancomunidades, agrupacións ou fusións de concellos segundo se indica no artigo 3 e máis concretamente no anexo-A, base 3ª.
Persoas/entidades beneficiarias da subvención
1. As persoas e entidades beneficiarias desta axuda varían en función do procedemento de que se trate. Os requisitos para participar en cada un deles, regúlanse no anexo-A desta orde:
BS324A. Mozos e mozas individualmente.
BS324B. Entidades sen ánimo de lucro que, con sede permanente ou domicilio social en Galicia desenvolvan actividades no eido da xuventude.
BS324C. Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
2. Serán excluídas as persoas e entidades solicitantes que se atopen nalgunha das situacións de prohibición recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas/entidades que non se atopen ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Destinatarios/as das prácticas formativas non laborais
As persoas destinatarias das mobilidades, ademais dos requisitos que poidan exixir as distintas convocatorias e os procedementos específicos destas bases reguladoras, deberán cumprir os requisitos exixidos no Sistema nacional de garantía xuvenil.
1. Estar inscritos/as no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Ter menos de 25 anos, ou menos de 30 se teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. O requisito de idade debe cumprirse no momento de solicitar a inscrición no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.
3. Ademais dos requisitos anteriores, en coherencia coa citada Lei 18/2014, deberán cumprir os seguintes:
a) Non ter traballado nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.
b) Non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos noventa días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.
c) Non ter recibido accións formativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.
No suposto de que a persoa interesada en inscribirse no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil tivese finalizada a súa participación no sistema educativo, considerarase que o requisito da letra b) queda suxeito a non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores.
Estes requisitos, agás o de idade, deberán manterse no momento da selección das persoas que participarán nas mobilidades.
Prazo de solicitude: O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda non será inferior a un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e respectaranse, de ser o caso, o prazo concreto establecido en cada orde de convocatoria.