INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
Obxecto
Estas bases regulan o contido e o procedemento de tramitación do programa de apoio dirixido a facilitar o acceso ao financiamento por parte das pemes do seu activo corrente.
Beneficiarios do programa de apoio
2.1. Poderán acceder aos reavais previstos nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE.
Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En calquera caso, deberán ter radicado o seu domicilio fiscal en Galicia.
2.2. En aplicación do artigo 51.b) da Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, os solicitantes quedan exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou ser debedor por resolución de procedencia de reintegro. Non obstante, deberán cubrir no formulario telemático de solicitude a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.
2.3. Ademais, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecida no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións, e non seren consideradas empresas en crise, de acordo coa definición de empresa en crise establecida no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE.
Actividades incentivables
Considéranse atendibles todas as actividades, agás as excluídas nas letras c), d) e e) do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro), e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e para as empresas do sector agrícola no artigo 1 do Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro).
Condicións e requisitos
Poderán acollerse a este programa de apoio aquelas pequenas e medianas empresas que formalicen un préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, tributos, Seguridade Social, alugamento, leasing, provedores, acredores por prestación de servizos, reparacións, cotas de débedas bancarias a longo prazo no momento do seu vencemento e cotas de leasing. En ningún caso poderán aplicarse a financiar investimentos en inmobilizado ou activos financeiros, nin á cancelación anticipada de pasivos bancarios, agás pólizas de crédito ou préstamo destinados á mesma finalidade que venzan durante o exercicio 2015.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes por parte dos interesados, nas entidades financeiras, iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de outubro de 2015.