miércoles, 10 de junio de 2015

PROGRAMA DE PROMOCIÓN DE INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE NA EMPRESA ORDINARIA E PROGRAMA DE EMPREGO CON APOIO NO MERCADO ORDINARIO DE TRABALLO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR



Obxecto e finalidade
1. Coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade nas empresas ordinarias con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria, para o ano 2013, das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través dos seguintes programas:
– Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (anexo A).
– Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (anexo B).
2. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.
c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
3. As bases específicas de cada un dos programas regúlanse nos correspondentes anexos A e B desta orde e forman parte integrante dela.
Persoas ou entidades beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde as que se establecen para cada programa regulado nos seus anexos, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.
2. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
En ningún caso poderán obter a condición de entidades beneficiarias as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos puntos 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en virtude da cal se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.
3. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
4. A xustificación por parte das persoas ou entidades beneficiarias de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos puntos 2 e 3 anteriores, para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.
Prazos de Solicitude
Os prazos de presentación de solicitudes do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no anexo A desta orde, serán os seguintes:
a) As solicitudes de axudas á contratación deberanse presentar ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2013.
b) As solicitudes de axuda pola adaptación de postos de traballo deberanse presentar antes do inicio desta adaptación, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2013.
c) As contratacións ou transformacións de contratos temporais en indefinidos e as adaptacións de postos de traballo realizadas entre o 1 de outubro de 2012 e a data de publicación desta orde, poderanse acoller ás súas axudas, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a contratación ou se tivese iniciado a execución do proxecto de investimento. O prazo para a presentación destas solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.
O prazo de presentación de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no anexo B desta orde, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
As solicitudes e os anexos dos programas están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar no seguinte enlace: http://traballo.xunta.es/axudas-e-subvencions e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es
Para cubrir as solicitudes de subvención poderase empregar a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na epígrafe de axudas e subvencións.
Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.