viernes, 5 de junio de 2015

PROBAS DE ACCESO ÁS ENSINANZAS DEPORTIVAS PARA O CURSO 2015/16

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Modalidades de acceso.
1. Acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio.
Terá acceso ao grao medio das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra calquera dos seguintes requisitos:
a) Dispor do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba específica. Para o acceso ao segundo nivel de grao medio, ter superados os estudos do primeiro nivel na correspondente modalidade ou especialidade deportiva.
b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 17 anos e superar a proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ademais da correspondente proba específica.
c) A proba de madureza poderase substituír pola proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou de artes plásticas e deseño, ou a de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
Acceso ás ensinanzas deportivas de grao superior.
Terá acceso ao grao superior das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Dispor do título de técnico deportivo na modalidade ou especialidade deportiva correspondente, ter o título de bacharel, ou equivalente para os efectos académicos, e cumprir cos requisitos relativos á experiencia deportiva que se puideren establecer na especialidade ou modalidade correspondente.
b) O alumnado que non posúa o título de bacharel, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 19 anos e superar unha proba de madureza que se establece no anexo III desta resolución, ou 18 anos sempre e cando posúa, ademais do título de técnico deportivo da modalidade correspondente, un título de técnico relacionado con aquel a que se desexa acceder.
Tanto nun como noutro caso, a idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural de realización das probas.
c) A proba de madureza poderase substituír pola parte común da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional ou de artes plásticas e deseño, ou a de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
Inscrición para as probas.
1. A inscrición para realizar as probas farase preferentemente na secretaría dos centros públicos onde se imparten ensinanzas deportivas indicados no anexo VI, coa excepción dos aspirantes á especialidade de Hípica, que se imparte no CPR Cemar Mondariz e no CPR Santa Apolonia, que deberán formalizala nos centros públicos a que están adscritos. Alternativamente tamén se poderán presentar por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e utilizarase o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es (código ED318A).
O prazo de inscrición será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 10 de xullo de 2015. Para tal fin, os centros docentes deberán expor nos seus taboleiros de anuncios o seguinte:
a) Normativa reguladora da admisión do alumnado.
b) Calendario de publicación da relación de alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións.
c) Calendario e normas para formalizar a matrícula.
2. Para a formalización das solicitudes de inscrición para as probas os centros facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo que se xunta como anexo I a esta resolución. Tamén poderá utilizarse o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es . Unha vez cuberto, entregarase unha única solicitude na secretaría do centro.
Igualmente, poderase presentar a solicitude por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
En ambos os casos se xuntará a documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados.