CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Obxecto das probas e prazo de presentación das solicitudes
1. Esta convocatoria ten por obxecto a realización das probas dirixidas á obtención (código MT310A) do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril, así como á renovación (código MT310B) dos certificados de conselleiro de seguridade.
2. O prazo de presentación das correspondentes solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. A data ou datas de realización das probas será determinada na resolución pola que se fixen os cadros de horarios e a relación definitiva de admitidos e excluídos.
Modalidades de transporte, programa das probas e estrutura dos exercicios
1. Este proceso selectivo abrangue as seguintes modalidades de transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril:
– Todas as clases.
– Clase 1 (materias e obxectos explosivos).
– Clase 2 (gases).
– Clase 7 (materias radioactivas).
– Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9. Materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo europeo para o transporte internacional de mercadorías perigosas (ADR) e no Regulamento relativo ao transporte internacional por ferrocarril de mercadorías perigosas (RID).
–Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno).
2. De conformidade co establecido no anexo do Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, sobre os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable, os coñecementos que se terán en conta para a expedición do correspondente certificado referiranse, como mínimo, ás materias que no dito anexo se relacionan.
3. A lexislación sobre a cal versarán os exercicios será o ADR, o RID e demais normativa estatal, comunitaria e internacional que afecte o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril; todo isto, de acordo co previsto no referido anexo do Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro. A referida normativa será a vixente na data de realización das probas.
4. A estrutura dos exercicios e a súa forma de cualificación serán as establecidas na Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro, de capacitación profesional dos conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable (BOE núm. 59, do 9 de marzo).
Obtención do certificado de conselleiro de seguridade (código MT310A)
Os exercicios que deben superar os aspirantes a conselleiros de seguridade constarán de dúas probas:
a) A primeira delas, na cal non se permitirá a consulta de textos, consistirá en responder 50 preguntas tipo test, con catro respostas alternativas. Cada resposta acertada valorarase con 2 puntos e será preciso acadar un mínimo de 50 puntos para superar esta proba. As respostas erróneas ou en branco non terán penalización. Os aspirantes disporán de 60 minutos para o desenvolvemento deste exercicio.
b) A segunda proba consistirá na realización dun estudo ou suposto que, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente, versará sobre as tarefas e obrigas que deberá realizar e/ou cumprir o conselleiro. Os aspirantes disporán de 60 minutos para a realización deste exercicio e permitirase a consulta de textos normativos sempre que non figure neles a resolución de casos prácticos.
Ademais, para a realización desta proba, os aspirantes deberán ir provistos de máquina calculadora sen memoria RAM para a realización das operacións matemáticas que cumpran e de bolígrafo. Esta segunda proba puntuarase entre 0 e 100 puntos, sendo preciso acadar un mínimo de 50 para a súa superación.
Renovación do certificado de conselleiro de seguridade (código MT310B)
1. O certificado renovarase por períodos de cinco anos se, durante o último ano anterior á data de expiración do certificado, o seu titular supera un exame.
2. Para participar na proba para a renovación do certificado será preciso que o certificado que se quere renovar estea en vigor e dentro do seu último ano de validez o día da celebración do exame.
3. O exame consistirá nunha proba de 50 preguntas tipo test; valorarase cada resposta acertada con 2 puntos e será preciso acadar un mínimo de 50 para superar este exercicio. As respostas erróneas ou en branco non terán penalización. Os aspirantes disporán de 60 minutos para realizar esta proba.