lunes, 18 de mayo de 2015

AXUDAS PARA O FOMENTO DAS RAZAS AUTÓCTONAS GALEGAS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR

ORDE do 4 de maio de 2015 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2015.

Obxecto da axuda
As presentes axudas, tramitadas en réxime de concorrencia competitiva, teñen como finalidade:
1. O aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras galegas, da súa viabilidade e do nivel de vida dos gandeiros.
2. A modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e produción animal.
3. A mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.
4. A optimización na utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.
Beneficiarios
Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma, que cumpran os requisitos seguintes:
a) Carecer de ánimo de lucro.
b) Estar oficialmente recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas autóctonas españolas pola Comunidade Autónoma galega.
c) No caso de que existan varias asociacións recoñecidas para unha mesma raza, xa sexa na mesma comunidade autónoma ou en distintas comunidades autónomas, deberán estar integradas nunha única asociación de segundo grao, segundo establece o artigo 13.1 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro, polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras, para poder acceder a estas axudas, e debe ser a dita asociación de segundo grao a solicitante das axudas.
d) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e, se for o caso, o recollido nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Cumprir coas obrigas previstas no artigo 11 do Real decreto 2129/2008, do 26 de decembro.
f) Ter a condición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) *núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, definición que se inclúe no anexo II desta orde.
g) Non ter a consideración de empresa en crise, segundo se define nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, de acordo coas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01, da Comisión, do 31 de xullo de 2014).
h) Non estar suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
Así mesmo, os requisitos previstos nas letras d), f), g) e h) tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.
Prazo de solicitude: Ata o 15 de xuño de 2015.