lunes, 18 de mayo de 2015

AXUDAS ECONÓMICAS PARA O ALUMNADO QUE REALIZA FORMACIÓN PRÁCTICA EN CENTROS DE TRABALLO

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


 Obxecto da convocatoria
Convocar axudas económicas para a realización da formación práctica en centros de traballo (FCT) en réxime de concorrencia non competitiva, nas seguintes modalidades:
1. Modalidade A. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas, programas formativos e programas de cualificación profesional inicial e que realice a FCT dentro do territorio español.
2. Modalidade B. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao medio ou superior de formación profesional inicial, de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e que realice a FCT en países da Unión Europea.
Requisitos
1. Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao medio e superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas, programas formativos e programas de cualificación profesional inicial.
2. O alumnado que concorra a esta convocatoria de axudas deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2015.
3. Non poderá ter a condición de beneficiario das axudas previstas nesta orde o alumnado que incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O/a solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario/a de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Prazo e lugar de presentación de solicitudes
Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
1. Primeiro prazo, 31 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos, outubro 2014-marzo 2015, e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2015. Todo o alumnado deste prazo deberá rematar o período da FCT antes do 31 de agosto de 2015. Tamén se acollerá a este prazo o alumnado matriculado no segundo curso do réxime integrado dun programa de cualificación profesional inicial no curso 2014/15.
O alumnado que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2015 e que anticipase o período de FCT non se acollerá a este primeiro prazo.
2. O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2015, para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2015 e o alumnado matriculado nun programa de cualificación profesional inicial que realice a FCT no período extraordinario de setembro de 2015. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2015. O alumnado que teña horario flexible con autorización da dirección xeral e remate despois do 31 de decembro de 2015 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.
3. As solicitudes xunto co resto dos anexos requiridos serán facilitados ao alumnado polo centro educativo en que estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo. Toda esta documentación xerarase a través da aplicación informática www.edu.xunta.es/fct, polo que os anexos desta orde só serven para efectos informativos.
4. As solicitudes xunto co resto dos anexos só se poderán presentar no centro educativo onde o alumnado estea matriculado no momento de realizar a formación en centros de traballo.