CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR
Obxecto
O obxecto desta sección é o establecemento das bases reguladoras das axudas de compensación para as pequenas e medianas empresas afectadas polas medidas fitosanitarias derivadas da loita contra pragas de corentena.
Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas todos os produtores de vexetais cuxas producións fosen afectadas polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude dunha declaración da presenza da praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dos organismos de corentena dos determinados na correspondente convocatoria, sempre que teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria, segundo o establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2014-2020 e no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.
2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que incorran nalgunha das causas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como aquelas que fosen sancionadas por infraccións tipificadas como graves ou moi graves polos artigos 55 e 56 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, nos dous anos anteriores á solicitude. Tampouco poderían ser persoas beneficiarias se persistisen as causas ou estivesen pendentes de cobramento procedementos por infraccións graves ou moi graves anteriores aos dous anos da data de solicitude.
3. No caso de produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais e non será posible o outorgamento de axuda se no momento da inspección inicial o viveiro non cumprise este trámite.
4. Non poderán ser beneficiarias as empresas en crise en virtude do artigo 1.6.b) ii) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, segundo a definición destas establecida no artigo 2.14 deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por mor dos danos ou perdas causadas polas pragas vexetais declaradas.
5. Tampouco poderán ter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, despois dunha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, e en cumprimento do artigo 1.5.a) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.
Solicitude de axuda
1. Unha vez que os servizos oficiais de sanidade vexetal levanten a acta da efectiva destrución e erradicación do foco, así como do resto das medidas preventivas adoptadas por parte do persoal de inspección de sanidade vexetal do servizo provincial correspondente, a persoa beneficiaria poderá solicitar a axuda de compensación correspondente mediante a presentación dunha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta orde, dirixida á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade vexetal, dentro do prazo establecido na correspondente convocatoria.
2. A Consellería do Medio Rural e do Mar establecerá mediante a convocatoria a contía das axudas que outorgará. O valor da axuda de compensación debe prever todos os aspectos relativos aos custos do proceso de saneamento, pero sobre todo terá en conta os custos de produción dos bens destruídos tomando como referencia os prezos de mercado dos bens que se destrúen. Tamén se terán en conta no baremo para determinar o importe da axuda os custos dos traballos de erradicación.
3. O órgano instrutor do procedemento será a dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal.
4. O dito órgano competente incorporará ao expediente de solicitude a documentación no seu poder entregada á persoa interesada como resolucións oficiais, actas de destrución e informes dos servizos técnicos oficiais.
5. A persoa interesada deberá achegar xunto coa solicitude:
a) Copia do NIF da persoa solicitante ou representante só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG núm. 221, do 13 de novembro), e Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG núm. 134, do 10 de xullo).
b) Cando se actúe en nome doutra persoa física ou xurídica, así como dunha comunidade de bens, deberase acreditar a representación con que se actúa.
c) Facturas dos traballos realizados por empresas alleas durante a erradicación cando polas especiais características do foco sexa preciso a contratación de maquinaria ou persoal alleo á explotación, ou material de desinfección distinto do habitual.