martes, 5 de mayo de 2015

AXUDAS Á MELLORA INTEGRAL DA CALIDADE DO LEITE CRU

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto
1. O obxecto da orde é establecer as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva para a implantación das guías de prácticas correctas de hixiene en gandarías dedicadas á produción láctea procedente de vacún, ovino e cabrún, e a súa certificación externa. As guías que se implantarán serán as publicadas na páxina web do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente:
http://www.magrama.gob.es/es/ganaderia/legislacion/gu%C3%ADa_pch_vacuno_leche_tcm7-5893.pdf
2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural e do Mar:
http://www.medioruralemar.xunta.es/
3. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as axudas para o ano 2015.
Liñas de axuda
1. As liñas de axuda serán as seguintes:
a) Axudas para asesoramento técnico básico na implantación das guías, mediante a aplicación dos programas correspondentes.
b) Axudas para a certificación externa da implantación das guías, levada a cabo igualmente mediante os correspondentes programas. Esta liña de axudas incluirá un proceso de asesoramento técnico intensivo previo ao procedemento de certificación externa.
2. Nas dúas liñas de axudas os labores de asesoramento deberán estar repartidos de xeito equilibrado entre todas as epígrafes correspondentes ás diferentes materias que inclúen as guías.
3. Quedan excluídos destas axudas os gastos vinculados á transformación ou comercialización do leite e os produtos lácteos.
4. As axudas unicamente poderán ser concedidas respecto ás actividades emprendidas ou realizadas con posterioridade á presentación das solicitudes e deberán axustarse ao prazo establecido nesta convocatoria.
5. As axudas concederanse en especie mediante servizos subvencionados e non poderán consistir en pagamentos directos en efectivo aos produtores.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas: as centrais de compra, as cooperativas e sociedades agrarias de transformación que teñan entre os seus obxectivos a comercialización ou a transformación de leite de vaca, ovella ou cabra, e as agrupacións e as asociacións de produtores de leite (en diante «entidades») de acordo co establecido no artigo 20 do Regulamento (CE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Levar a cabo a actividade subvencionable sinalada no artigo 3.1., letras a) ou b), nun grupo de titulares de explotacións incluídas nun mesmo programa, contando coa autorización para tal fin dos titulares de cada explotación.
b) Excluír de todos os programas as explotacións gandeiras que deixen de cumprir algún dos requisitos que establece o Real decreto 1589/2009, do 16 de outubro, e comunicalo á autoridade competente nun prazo de dous meses desde a exclusión.
c) Cumprir os requisitos legais e regulamentarios en materia de rastrexabilidade, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
d) Cumprir o exixido, nas normas ou programas complementarios establecidos, se é o caso, pola autoridade competente.
e) Ademais, no caso das centrais de compra deberán realizar un pagamento diferencial positivo por parámetros de calidade hixiénico-sanitaria do leite cru por riba do imposto pola normativa vixente. Este pagamento diferencial poderá establecerse incluíndo, adicionalmente, aspectos ambientais, de benestar animal e de persoal da explotación, con exixencias superiores ás establecidas na normativa, ou na guía.
f) Adicionalmente, en caso de centrais de compra de leite de vaca, deberán:
1º Cumprir coas obrigas impostas polo réxime da taxa suplementaria (sen prexuízo da desaparición do sistema de cotas desde o 31 de marzo de 2015).
2º Analizar as mostras de leite nun laboratorio de análise, rexistrado conforme o Real decreto 1728/2007, do 21 de decembro.
Prazo de solicitude: ata o 15 de xuño de 2015.