Universidade de Vigo
miércoles, 9 de abril de 2025
BOLSA DE PRÁCTICAS NO PROGRAMA CAMPUS RURAL DA UNIVERSIDADE DE VIGO
Obxecto
O obxectivo que se persegue é que o estudantado universitario de calquera titulación oficial poida completar a súa formación mediante a realización de prácticas académicas, tanto curriculares como extracurriculares, no ámbito rural, en zonas con problemas de despoboamento, residindo nel, coñecéndoo en profundidade e convivindo e colaborando coa súa xente, de modo que poidan velo como un lugar de oportunidades para o desenvolvemento do seu futuro profesional.
Persoas beneficiarias
Estudantado matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado universitario na Universidade de Vigo no curso 2024/25.
Prazo de presentación de solicitudes
Desde o 3 ao 24 de abril de 2025.
AXUDAS Á COLLEITA EN VERDE DA VIÑA EN GALICIA 2025
Consellería do Medio Rural
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas en réxime de concorrencia competitiva para a intervención de colleita en verde do viñedo de Galicia.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para todas as superficies de viñedo da súa explotación e coas disposicións relativas ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación iníciase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 25 de abril 2025.
XXVIII EDICIÓN DO PREMIO MANUEL COLMEIRO
Consellería de Facenda e Administración Pública
Obxecto e réxime xurídico
O obxecto do premio é fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e os entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma (código de procedemento PR771A).
A concesión do premio rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.
Este premio enmárcase dentro da RIS3 de Galicia 2021-2027, aliñándose cos tres retos e coas tres prioridades. Así mesmo, contribúe ao obxectivo estratéxico 4, integrándose polo tanto no programa Persoas e talento da RIS3 e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
A concesión do premio regulado nesta convocatoria será incompatible coa de calquera outro premio de similares características financiado con fondos públicos.
Persoas destinatarias
Poderán participar nesta convocatoria persoas individuais ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea. Gardarase reserva sobre a identidade de cantas persoas participen no premio e unicamente serán obxecto de publicidade o nome e os apelidos da persoa ou persoas gañadoras.
No suposto de que se trate de grupos de traballo, acreditarase expresamente a persoa física responsable da dirección do equipo, que será a persoa que figure como solicitante no modelo normalizado de solicitude, así como a porcentaxe de participación de cada integrante do grupo no traballo presentado.
Non poderán acceder a este premio as persoas afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos comezará coa entrada en vigor desta orde e finalizará o 1 de outubro de 2025.
AXUDAS PARA O FOMENTO E APOIO ÁS AGRUPACIÓNS FORESTAIS DE XESTIÓN CONXUNTA 2025
Consellería do Medio Rural
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta, en réxime de concorrencia competitiva, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR608F).
A finalidade desta orde é establecer unha medida de fomento para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta (en adiante, AFXC) e para apoiar as xa constituídas e inscritas no correspondente rexistro, a través de dúas liñas de axudas:
Liña I: axudas para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil, que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal. Segundo o tipo de AFXC, podemos ter axuda para:
– Liña I-bas: axudas para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta básica (en adiante, AFXC-básica).
– Liña I-ter: axudas para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial (en diante, AFXC-territorial).
Liña II: axudas para o apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta xa creadas e inscritas no correspondente rexistro, co fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan.
2. Estas axudas ampáranse nas actuacións incluídas no investimento 4 (I4) Xestión forestal sostible, do compoñente 4 (C4) Conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España e contribuirán ao cumprimento dos obxectivos asociados a ela, de acordo coa normativa reguladora do Mecanismo de recuperación e resiliencia e do Plan de recuperación a nivel europeo e nacional.
3. As actuacións subvencionadas atenderán ao principio de «non causar dano significativo» a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) núm. 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 2019/2088.
Entidades beneficiarias e requisitos
1. Serán entidades beneficiarias da liña I (axudas para a creación de AFXC):
– Asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, sempre que estean compostas por persoas titulares dos indicados dereitos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Sociedades civís e comunidades de bens.
– Cooperativas e outras entidades de economía social.
– Sociedades agrarias de transformación.
– Sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital.
– Sociedades de fomento forestal.
– Calquera outra entidade que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.
Que desexen inscribirse como unha AFXC e cuxa actividade se desenvolva en terreos forestais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Dentro da liña I, a entidade solicitante debe optar entre:
1. Liña I-bas (axudas á creación de agrupacións forestais de xestión conxunta básica): a superficie da agrupación debe pertencer a un mínimo de tres propietarios diferentes e deben sumar unha superficie mínima que, segundo a tipoloxía, será:
– Masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras: 10 hectáreas.
– Masas de coníferas: 25 hectáreas.
– Outras masas ou masas mixtas: 50 hectáreas.
2. Liña I-ter (axudas á creación de agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial): deben ter cedido ao seu favor, unha vez completados os traballos para os cales se solicita a subvención, a xestión dun mínimo de 10 hectáreas de terreos forestais situadas dentro dun ou varios perímetros de xestión conxunta que pertenzan a un número mínimo de tres propietarios diferentes. Cada área (perímetro) que forma parte da agrupación non pode ter unha superficie inferior a 3 hectáreas.
2. Serán entidades beneficiarias da liña II todas aquelas agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta establecido no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, con anterioridade ao remate do prazo de solicitude desta axuda.
3. As entidades beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, as entidades beneficiarias non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Ademais, tamén deben cumprir os requisitos establecidos no artigo 122 e seguintes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e as disposicións contidas na presente orde.
4. Conforme o artigo 20 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) poderán pertencer ás agrupacións forestais de xestión conxunta, preferentemente a aquelas agrupacións que dispoñan, dentro da súa superficie de actuación de xestión conxunta, de parcelas lindeiras co límite do monte veciñal. Coa finalidade de procurar unha explotación máis eficiente e sustentable do monte, as comunidades de montes veciñais en man común terán plena capacidade xurídica para a realización de actos ou negocios xurídicos para pertencer ás agrupacións de xestión conxunta.
As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal con anterioridade ao remate do prazo de solicitude da axuda.
5. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
6. Non poderán ser persoas beneficiarias as entidades adxudicatarias de axudas da liña III concedidas no marco da Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR608D, MR608E e MR608F).
7. Os requisitos para a obtención da axuda e as condicións tidas en conta nos criterios de baremación indicados no artigo 8 deberanse cumprir na data de finalización do prazo de solicitude.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta e cinco (45) días hábiles para a liña I e trinta (30) días hábiles para a liña II, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
CONVOCATORIA DE PROBAS PARA A OBTENCIÓN DE DETERMINADOS CARNÉS PROFESIONAIS E HABILITACIÓNS PROFESIONAIS NO ANO 2025
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Convocatorias
O procedemento obxecto desta orde articularase en dúas convocatorias independentes, denominadas primeira e segunda, en atención ao período do ano en que se desenvolvan.
En razón do número de participantes inscritos/as nas últimas convocatorias e co obxectivo de optimizar os recursos, a relación de especialidades que serán obxecto de exame en cada unha das convocatorias será a seguinte:
1. Especialidades obxecto de exame na primeira convocatoria:
Carnés profesionais:
– Carné profesional de operador/a de guindastre torre.
– Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.
– Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.
Habilitacións profesionais:
– Operador/a industrial de caldeiras.
2. Especialidades obxecto de exame na segunda convocatoria:
Carnés profesionais:
– Carné profesional en instalacións térmicas de edificios.
– Carné profesional de operador/a de guindastre torre.
– Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.
– Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.
Habilitacións profesionais:
– Operador/a industrial de caldeiras.
– Instalador/a de gas, categoría A.
– Instalador/a de gas, categoría B.
– Instalador/a de gas, categoría C.
– Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría I.
– Instalador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría II.
– Reparador/a de produtos petrolíferos líquidos, categoría III.
– Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de calquera carga de refrixerantes fluorados.
– Manipulador/a de equipamentos con sistemas frigoríficos de carga de refrixerante inferior a tres quilogramos de gases fluorados.
– Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías de calquera carga de refrixerantes fluorados.
– Manipulador/a de equipamentos de transporte refrixerado de mercadorías que empreguen menos de tres quilogramos de refrixerantes fluorados.
Requisitos das persoas aspirantes
Para seren admitidas á realización das probas, as persoas aspirantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estaren en idade legal laboral ou teren a idade mínima que, de ser o caso, poida exixir a normativa sectorial correspondente.
b) Requisitos específicos que para cada especialidade se establezan na normativa vixente.
Solicitudes
1. As persoas aspirantes deberán solicitar a súa admisión ás probas mediante solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I (código de procedemento ED527A) desta orde. No caso de teren interese na obtención de máis dun carné profesional ou habilitación profesional presentarán unha solicitude por cada un deles, xunto coa correspondente documentación xustificativa.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Pagamento de taxas
1. Xunto coa solicitude deberase presentar xustificante para a Administración do impreso correspondente de autoliquidación de taxas (importe de 41,59 euros), validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso. O modelo de impreso, así como os datos e os códigos que se deben indicar, son os seguintes:
Modelo A.
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Código 07.
Delegación de Servizos Centrais. Código 13.
Servizo de Xestión da Formación Profesional. Código 03.
Taxa. Denominación: capacitación profesional para o exercicio de actividades no ámbito das minas e seguridade industrial: realización de probas para a obtención do certificado e expedición de certificados de formación profesional. Código 320701.
2. Se a solicitude se presenta por medios electrónicos na sede da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal), procederase ao pagamento da taxa vixente no momento da presentación electrónica da solicitude de acordo co establecido no punto anterior.
Neste caso non será obrigatoria a presentación do xustificante de pagamento electrónico da taxa, que será verificado pola propia Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
3. A non presentación dentro de prazo deste xustificante, en que debe figurar o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión da persoa aspirante. En ningún caso a presentación deste documento suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude (anexo I, código de procedemento ED527A).
Prazo de presentación de solicitudes
1. Para a primeira convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 9 de abril ao día 25 de abril de 2025, ambos os dous incluídos.
2. Para a segunda convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día 16 de xuño ao día 30 de xuño de 2025, ambos os dous incluídos.
lunes, 7 de abril de 2025
PREMIOS SANTADER X SPAIN AWARD 2025, PROXECTOS EMPRENDEDORES
Universidade de Vigo
Premios Santander X Spain Award 2025, proxectos emprendedores.
ObxectoO obxectivo do programa é recoñecer e potenciar a nivel nacional iniciativas emprendedoras xurdidas na Universidade de Vigo.
Persoas beneficiarias
Alumnado que está matriculado ou recentemente titulado (cunha antigüidade máxima de cinco anos desde o momento da súa graduación) con grao, máster universitario ou doutoramento na Universidade de Vigo.
Contía
A contía total do crédito destinado a estas axudas será de seis mil euros (6.000 €).
Prazo de presentación de solicitudes
Desde o 28 de marzo ata o 22 de abril de 2025.
PREMIOS SANTANDER X SPAIN AWARD 2025, STARTUP UNIVERSITARIA
Premios Santander X Spain Award 2025, Startup Universitaria.
ObxectoO obxectivo do programa é recoñecer e potenciar as mellores startups e spin offs universitarias de base tecnolóxica ou de coñecemento e que teñan unha solución innovadora e disruptiva en fase de aceleración.
Persoas beneficiarias
Alumando que está matriculado ou recentemente titulado (cunha antigüidade máxima de cinco anos desde o momento da súa graduación) con grao, máster universitario ou doutoramento na Universidade de Vigo.
Contía
A contía total do crédito destinado a estas axudas será de doce mil euros (12.000 €).
Prazo de presentación de solicitudes
Desde o 28 de marzo ata o 22 de abril de 2025.