Consellería do Medio Rural
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para accións de fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta, en réxime de concorrencia competitiva, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR608F).
A finalidade desta orde é establecer unha medida de fomento para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta (en adiante, AFXC) e para apoiar as xa constituídas e inscritas no correspondente rexistro, a través de dúas liñas de axudas:
Liña I: axudas para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil, que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta sustentable e diversificada de terreos dedicados á actividade forestal. Segundo o tipo de AFXC, podemos ter axuda para:
– Liña I-bas: axudas para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta básica (en adiante, AFXC-básica).
– Liña I-ter: axudas para a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial (en diante, AFXC-territorial).
Liña II: axudas para o apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta xa creadas e inscritas no correspondente rexistro, co fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan.
2. Estas axudas ampáranse nas actuacións incluídas no investimento 4 (I4) Xestión forestal sostible, do compoñente 4 (C4) Conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España e contribuirán ao cumprimento dos obxectivos asociados a ela, de acordo coa normativa reguladora do Mecanismo de recuperación e resiliencia e do Plan de recuperación a nivel europeo e nacional.
3. As actuacións subvencionadas atenderán ao principio de «non causar dano significativo» a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) núm. 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 2019/2088.
Entidades beneficiarias e requisitos
1. Serán entidades beneficiarias da liña I (axudas para a creación de AFXC):
– Asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, sempre que estean compostas por persoas titulares dos indicados dereitos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
– Sociedades civís e comunidades de bens.
– Cooperativas e outras entidades de economía social.
– Sociedades agrarias de transformación.
– Sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital.
– Sociedades de fomento forestal.
– Calquera outra entidade que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.
Que desexen inscribirse como unha AFXC e cuxa actividade se desenvolva en terreos forestais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Dentro da liña I, a entidade solicitante debe optar entre:
1. Liña I-bas (axudas á creación de agrupacións forestais de xestión conxunta básica): a superficie da agrupación debe pertencer a un mínimo de tres propietarios diferentes e deben sumar unha superficie mínima que, segundo a tipoloxía, será:
– Masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras: 10 hectáreas.
– Masas de coníferas: 25 hectáreas.
– Outras masas ou masas mixtas: 50 hectáreas.
2. Liña I-ter (axudas á creación de agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial): deben ter cedido ao seu favor, unha vez completados os traballos para os cales se solicita a subvención, a xestión dun mínimo de 10 hectáreas de terreos forestais situadas dentro dun ou varios perímetros de xestión conxunta que pertenzan a un número mínimo de tres propietarios diferentes. Cada área (perímetro) que forma parte da agrupación non pode ter unha superficie inferior a 3 hectáreas.
2. Serán entidades beneficiarias da liña II todas aquelas agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta establecido no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, con anterioridade ao remate do prazo de solicitude desta axuda.
3. As entidades beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, as entidades beneficiarias non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Ademais, tamén deben cumprir os requisitos establecidos no artigo 122 e seguintes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e as disposicións contidas na presente orde.
4. Conforme o artigo 20 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) poderán pertencer ás agrupacións forestais de xestión conxunta, preferentemente a aquelas agrupacións que dispoñan, dentro da súa superficie de actuación de xestión conxunta, de parcelas lindeiras co límite do monte veciñal. Coa finalidade de procurar unha explotación máis eficiente e sustentable do monte, as comunidades de montes veciñais en man común terán plena capacidade xurídica para a realización de actos ou negocios xurídicos para pertencer ás agrupacións de xestión conxunta.
As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal con anterioridade ao remate do prazo de solicitude da axuda.
5. Non poderán ser persoas beneficiarias as empresas en crise ou as que teñan unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.
6. Non poderán ser persoas beneficiarias as entidades adxudicatarias de axudas da liña III concedidas no marco da Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR608D, MR608E e MR608F).
7. Os requisitos para a obtención da axuda e as condicións tidas en conta nos criterios de baremación indicados no artigo 8 deberanse cumprir na data de finalización do prazo de solicitude.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta e cinco (45) días hábiles para a liña I e trinta (30) días hábiles para a liña II, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.