lunes, 27 de julio de 2026

SUBVENCIÓNS PARA A REDACCIÓN DE PROXECTOS E REALIZACIÓN DE OBRAS QUE EMPREGUEN PRODUTOS DE MADEIRA COMO ELEMENTOS ESTRUTURAIS

 Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a redacción de proxectos e realización de obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais (códigos de procedemento MR502B, MR502D, MR502F e MR502G).

Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases pretenden contribuír a fomentar o uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoios:
– Liña 1.1 (código de procedemento MR502B): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar ou colectiva e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 1.2 (código de procedemento MR502D): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.1 (código de procedemento MR502F): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar ou colectiva e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.2 (código de procedemento MR502G): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) Para as liñas 1.1 (código de procedemento MR502B) e 2.1 (código de procedemento MR502F): as comunidades de montes veciñais en man común de Galicia (en diante, CMVMC), as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes), incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia así como as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
Para os efectos das axudas de minimis e conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.
Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, pola que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (inclúe persoas autónomas que cumpran a condición de empresa). Segundo esta definición, son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto na versión vixente do artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, na data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).
b) Para as liñas 1.2 (código de procedemento MR502D) e 2.2 (código de procedemento MR502G): as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidade delas, que residan en Galicia.
No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de persoas físicas, todas as persoas solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias:
Aquelas solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Aquelas solicitantes que entren dentro da categoría de empresa en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014. As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
As solicitantes que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando estas sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004. Para verificar o cumprimento deste requisito, as solicitantes deberán achegar, xunto á súa solicitude, a acreditación do nivel de cumprimento mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. Os requisitos para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de publicación da convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, salvo que se produza antes o esgotamento dos fondos dispoñibles para esta axuda. No caso de esgotamento dos fondos, o peche do prazo producirá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, conforme o artigo 14.1.
2. O prazo comezará ás 9.00 horas do día que corresponda, unha vez transcorridos cinco (5) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o día de inicio do prazo é inhábil, o prazo comezará o seguinte día hábil, ás 9.00 horas.
3. O prazo rematará ás 20.00 horas do día en que se cumpra un mes desde o seu inicio. Se o día de finalización do prazo é inhábil, o prazo rematará o seguinte día hábil, ás 20.00 horas.