Consellería de Política Social e Igualdade
Obxecto
1. Esta orde ten como obxectivo o establecemento das bases reguladoras e proceder á convocatoria de subvencións destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado, para a posta en marcha de casas do maior nos anos 2026 e 2027.
2. As subvencións destinaranse á consecución da seguinte finalidade:
A posta en marcha de casas do maior destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia grao I, e para persoas maiores de 60 anos sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o seu establecemento nos concellos de menos de 5.600 habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia que non conten con recurso de atención diúrna en funcionamento.
Para efectos da presente orde considerase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais adscrito á Consellería de Política Social e Igualdade, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.
Persoas beneficiarias das axudas económicas
1. Poderán ser beneficiarias das axudas para poñer en marcha un proxecto de casa do maior (procedemento BS212A) as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que, ademais do cumprimento do establecido na artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:
1º. Licenciatura ou grao en Medicina.
2º. Licenciatura ou grao en Psicoloxía.
3º. Máster, experto ou especialista en Psicoxerontoloxía.
4º. Diplomatura ou grao en Enfermería.
5º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de técnico Auxiliar Clínica, técnico Auxiliar Psiquiatría e técnico Auxiliar de Enfermería que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, ou se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
6º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria, ou se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
7º. Título de técnico Superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en Integración Social e se fixan a súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que na data de publicación desta convocatoria, se atopen traballando na categoría profesional de Asistente Persoal ou Auxiliar de Axuda a Domicilio.
8º. O Certificado de Profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos Socioculturais e á Comunidade que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
9º. O Certificado de Profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente Certificado de Profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio, ou se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
10º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.
b) Residir en concellos con menos de 5.600 habitantes que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, enque se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha do proxecto.
c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da casa do maior, nos termos establecidos na orde.
d) Acreditar unha revisión médica anual da persoa promotora ou da/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado.
e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos. No caso de cooperativas de traballo asociado, este certificado deberá estar referido á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Permanencia mínima da actividade subvencionada
O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da casa do maior.
Para estes efectos, entenderase como data de posta en marcha a data de resolución de concesión da axuda concedida ao abeiro desta convocatoria ou a data de cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos casos de concesión condicionada.
Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior alleas á vontade da persoa promotora da casa do maior impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas nos números anteriores.