miércoles, 9 de abril de 2025

XXVIII EDICIÓN DO PREMIO MANUEL COLMEIRO

 Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 26 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca a XXVIII edición do Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia (código de procedemento PR771A).

Obxecto e réxime xurídico
O obxecto do premio é fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e os entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma (código de procedemento PR771A).
A concesión do premio rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.
Este premio enmárcase dentro da RIS3 de Galicia 2021-2027, aliñándose cos tres retos e coas tres prioridades. Así mesmo, contribúe ao obxectivo estratéxico 4, integrándose polo tanto no programa Persoas e talento da RIS3 e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
A concesión do premio regulado nesta convocatoria será incompatible coa de calquera outro premio de similares características financiado con fondos públicos.

Persoas destinatarias
Poderán participar nesta convocatoria persoas individuais ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea. Gardarase reserva sobre a identidade de cantas persoas participen no premio e unicamente serán obxecto de publicidade o nome e os apelidos da persoa ou persoas gañadoras.
No suposto de que se trate de grupos de traballo, acreditarase expresamente a persoa física responsable da dirección do equipo, que será a persoa que figure como solicitante no modelo normalizado de solicitude, así como a porcentaxe de participación de cada integrante do grupo no traballo presentado.
Non poderán acceder a este premio as persoas afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos comezará coa entrada en vigor desta orde e finalizará o 1 de outubro de 2025.