Consellería de Política Social e Igualdade
Obxecto
Estas axudas están destinadas a apoiar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como medida de fomento da corresponsabilidade das persoas da unidade familiar que exerzan o dereito á redución da xornada laboral, especialmente por parte dos homes, para o coidado dos seus fillos e fillas.
Serán subvencionables as situacións de redución da xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, no período comprendido entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos os dous incluídos.
Persoas beneficiarias
1. Poderá ser beneficiaria das axudas previstas nesta convocatoria a persoa proxenitora do/da menor que exerza o dereito á redución de xornada, segundo as seguintes situacións:
a) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas de distinto sexo, o proxenitor de sexo masculino, xa que o obxectivo do programa é o cambio de tendencia cara á corresponsabilidade real e que, polo tanto, sexan tamén os homes os que se acollan á redución da xornada.
b) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas do mesmo sexo, calquera das persoas proxenitoras.
c) No caso de unidades familiares monoparentais, a persoa a cargo da unidade familiar.
d) No caso de custodia compartida do/da menor, calquera das persoas proxenitoras.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións:
a) Estar empadroado/a en Galicia.
b) Que se trate dunha persoa traballadora por conta allea, tanto na empresa privada como nas administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
c) Que a redución de xornada sexa para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.
Nos casos de adopción ou acollemento familiar a/o filla/fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos e non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, ou 12 anos se o/a menor ten recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.
d) Que os ingresos da unidade familiar non sexan superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2025.
e) No caso de familias monoparentais deberase dispor dalgunha da seguinte documentación: certificado de familia monoparental; libro de familia ou inscrición no rexistro en que figure só a persoa solicitante; convenio regulador ratificado polo xulgado, da nulidade, separación ou divorcio.
f) Non recibir a prestación económica regulada no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento no sistema da Seguridade Social da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, nin estar acollido ao disposto no artigo 106.1.b) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.