Consellería de Economía e Industria
Obxecto
Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria para fomentar e incentivar a sustentabilidade nas súas dimensións económica, social e ambiental, no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, así como a súa convocatoria para o ano 2026, a través de cinco liñas de actuación.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 1 serán para financiar os investimentos destinados a incrementar a protección do ambiente da zona afectada pola actividade mineira. En xeral, todos aqueles investimentos destinados a previr ou emendar danos á contorna física ou aos recursos naturais e, especialmente, os destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico mediante a redución das emisións de po e ruído.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 2 serán para financiar os investimentos destinados a mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde dos postos de traballo nas explotacións mineiras. En xeral, todos aqueles investimentos que actúen sobre os riscos relacionados coa seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía nos postos de traballo e, especialmente, os investimentos destinados á redución da exposición das persoas traballadoras ao po, ao ruído e ás vibracións.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 3 serán para financiar os investimentos destinados a mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras en centros de elaboración de rocha ornamental mediante a redución da exposición ao po nos seus postos de traballo.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 4 serán para financiar os investimentos destinados á adquisición de equipamentos que permitan mellorar a eficiencia enerxética en ámbitos distintos dos edificios nas empresas do sector mineiro, en especial as empresas que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como as empresas de explotación de balnearios.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 5 serán para financiar os investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación, así como o seu seguimento anual e renovación das normas UNE 22480, Sistema de xestión mineira sustentable. Requisitos, e UNE 22470, Sistema de xestión mineiro-mineralúrxica-metalúrxica sustentable. Indicadores, as cales acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sustentable nas empresas do sector mineiro.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:
a) Para as liñas 1, 2, 4 e 5, as empresas privadas que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das ditas actividades ou, cando proceda, coa conformidade do órgano administrativo correspondente, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración.
b) Para a liña 3, as empresas privadas con centros de traballo de elaboración de rocha ornamental localizados na Comunidade Autónoma de Galicia, e que non estean incluídas na alínea anterior.
Para os efectos desta orde, considéranse actividades de elaboración de rocha ornamental aquelas actividades incluídas na sección C e, en concreto, na clase 23.70 do CNAE.
c) Para a liña 4, as empresas privadas que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia dedicado ao envasado das augas minerais naturais e á explotación de balnearios e que conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das actividades, de conformidade coa Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración.
Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica e do seu modo de financiamento, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas os empresarios persoas físicas que exerzan actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas que exerzan unha actividade económica de forma regular.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e concluirá o mesmo día en que se produciu a publicación no mes de vencemento.