martes, 20 de octubre de 2015

PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL (EIL) E AS SÚAS ENTIDADES PROMOTORAS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto
Establecer as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2015, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de que poidan cumprir a súa función social.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela para os distintos tipos de axudas.
2. Poderán solicitar e ser beneficiarias das axudas aquelas empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral. Non obstante, non se poderá proceder ao pagamento da axuda en canto non obteñan esa cualificación.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. A xustificación por parte das entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obteren a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable.
Prazo de solicitude: ata o 6 de novembro de 2015.





viernes, 2 de octubre de 2015

AXUDAS PARA A MORATORIA DE PRÉSTAMOS VINCULADOS COA MELLORA DAS EXPLOTACIÓNS E INCORPORACIÓN DAS PERSOAS MOZAS Á ACTIVIDADE AGRARIA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto
A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2015 as axudas de minimis, en réxime de concorrencia non competitiva, establecidas no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o pagamento do importe dos xuros que correspondan ata dous anos de carencia na amortización dos préstamos vinculados coa mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria, concedidos con base nas convocatorias desde o ano 2007 ata o ano 2015, ambos inclusive, da orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, e ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e do Mar con entidades financeiras.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas titulares de explotacións agrarias de vacún de leite que soliciten un período de carencia de ata dous anos de duración na amortización do préstamo concedido no seu día ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e do Mar con entidades financeiras para o financiamento de investimentos relativos ás axudas de mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria, e que non fosen beneficiarias destas mesmas axudas á moratoria dos préstamos nas convocatorias anteriores.
2. Os prestameiros que soliciten a carencia deberán ter certificada, con anterioridade ao remate do prazo de solicitude da axuda a que fai referencia esta orde, a execución dos investimentos subvencionados nas axudas de mellora de explotacións e incorporación das persoas mozas á actividade agraria. Non obstante, no caso de non ter certificados os investimentos, estes deberán estar no prazo de execución establecido nas bases reguladoras polas que se aprobaron as axudas vinculadas a este préstamo, e terán que ser certificadas con anterioridade ao remate dese prazo de execución.
3. Os beneficiarios deberán cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Características
1. Durante o período de carencia solicitado, que afectará o vencemento ou vencementos de principal posteriores á solicitude do prestameiro á entidade financeira, o prestameiro non deberá aboar nin o principal nin os xuros correspondentes ao capital pendente de amortizar.
2. Unha vez finalizada a carencia do préstamo restableceranse as obrigas do prestameiro nos termos establecidos nos convenios subscritos.
3. A Consellería do Medio Rural e do Mar financiará os xuros que correspondan, se aboará ás entidades financeiras por cada carencia concedida en función do capital pendente e do tipo de xuro establecido nos convenios.
Prazo de solicitude: ata o 2 de novembro de 2015.

martes, 29 de septiembre de 2015

CONVOCATORIA PROBAS COMPETENCIA PROFESIONAL XESTOR DE TRANSPORTE EN EMPRESAS DE TRANSPORTE POR ESTRADA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


En sesión do 18 de setembro de 2015, o tribunal designado pola Resolución da Dirección Xeral de Mobilidade do 11 de febreiro de 2015, para cualificar as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada,

ACORDOU:

Primeiro. Os exercicios da segunda convocatoria do ano 2015 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada terán lugar o 24 de outubro de 2015, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n, San Lázaro, Santiago de Compostela).
Segundo. Os/as aspirantes que fosen admitidos/as para a realización das probas serán citados/as en chamamento único segundo a seguinte distribución:
a) Transporte interior e internacional de viaxeiros/as: todos eles/as ás 9.00 horas.
b) Transporte interior e internacional de mercadorías:
Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras A-L (ambas as dúas inclusive): 9.00 horas. Non obstante, todos/as aqueles/as aspirantes incluídos/as nesta relación que estean admitidos/as tamén para as probas de viaxeiros/as quedan convocados/as para as 16.15 horas.
Aqueles/as aspirantes cuxa primeira letra do seu primeiro apelido estea comprendida entre as letras M-Z (ambas as dúas inclusive): 16.15 horas.
Terceiro. Unha vez situados/as os/as aspirantes dentro da aula, non se permitirá a súa saída, agás no suposto de entrega do exercicio. Non obstante, o tribunal poderá apreciar a concorrencia de circunstancias médicas debidamente acreditadas, como no suposto de mulleres embarazadas, toma de medicamentos ou similares, que fagan necesario que o/a aspirante teña que ir ao baño.
Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentarse provistos/as de DNI en vigor ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, tamén en vigor; a súa falta dará lugar á non admisión do/da aspirante á realización das probas. Recoméndase igualmente aos/ás aspirantes que concorran provistos/as da copia da solicitude de admisión e da folla xustificativa do pagamento das taxas de exame.
Así mesmo, deberán dispor dun lapis do número 2 e de goma de borrar para realizar o exame, de xeito que se poida efectuar a súa corrección mediante mecanismos automatizados. Poderán tamén levar máquinas calculadoras sen memoria RAM para realizar as operacións matemáticas que resulten necesarias.
Quinto. Non se permitirá o acceso á sala onde se realizarán os exercicios con teléfonos móbiles.
Igualmente, tampouco se permitirá o acceso e tenza de axendas ou outros dispositivos de carácter electrónico, agás o indicado no punto anterior respecto das máquinas calculadoras. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento do que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización das probas.
Advírtese que non haberá servizo de recollida de teléfonos móbiles.

lunes, 28 de septiembre de 2015

MODIFICACIÓN DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DAS PERSOAS MOZAS INSCRITAS NO SISTEMA NACIONAL DE GARANTÍA XUVENIL

AXUDAS PARA O INICIO DE ESTUDOS UNIVERSITARIOS NO CURSO 2015/16 NAS UNIVERSIDADES DO S.U.G.

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
O obxecto desta convocatoria é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula universitaria dos alumnos e alumnas que inicien estudos universitarios no curso 2015/16 no Sistema universitario de Galicia conducentes á obtención dun título oficial de grao.
Requisitos dos/as solicitantes
Poderán solicitar estas axudas os alumnos e alumnas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Acreditar unha cualificación nas probas de acceso á universidade (PAU) ou noutras ensinanzas que lles permita o acceso cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos, excluíndo a fase específica.
b) Posuír a nacionalidade española, ou doutro país da Unión Europea ou de países terceiros, cando se acredite a condición de residente en España, e quedan excluídos os que estean en situación de estadía.
c) Estar matriculado por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2015/16 dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de grao.
d) Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os cales solicita a axuda.
e) Non estar incluídos nos casos de exención total de matrícula previstos no artigo 11 do Decreto 90/2015, do 18 de xuño (DOG núm. 123, do 2 de xullo), polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2015/16.
f) Que a renda da unidade familiar non supere os seguintes limiares:
– Familias de 1 membro: 14.112,00 euros.
– Familias de 2 membros: 24.089,00 euros.
– Familias de 3 membros: 32.697,00 euros.
– Familias de 4 membros: 38.831,00 euros.
– Familias de 5 membros: 43.402,00 euros.
– Familias de 6 membros: 46.853,00 euros.
– Familias de 7 membros: 50.267,00 euros.
– Familias de 8 membros: 53.665,00 euros.
A partir do oitavo membro engadiranse 3.391,00 euros por cada novo membro computable da familia.
g) Non ter recibido esta axuda en convocatorias anteriores.
Prazo de solicitude: ata o 28 de outubre de 2015.