Consellería de Política Social e Igualdade
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas destinadas ás persoas con diagnóstico de ELA ou dos seus fenotipos, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento administrativo BS215A).
Persoas beneficiarias
1. Poderán solicitar as axudas económicas as persoas físicas vivas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:
a) Ter feitos os 18 anos.
b) Estar empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima de 6 meses con anterioridade á presente convocatoria das axudas.
c) Estar diagnosticadas da enfermidade da esclerose lateral amiotrófica (en diante, ELA) ou calquera dos seus fenotipos.
d) Ter recoñecida a situación de dependencia ou ter solicitado o seu recoñecemento con anterioridade á presentación da solicitude.
2. Ademais, as persoas beneficiarias da axuda teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o quinto día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 3 de novembro de 2026.
Cando o ultimo día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.