viernes, 14 de agosto de 2026

AXUDAS ECONÓMICAS A VÍTIMAS DE VIOLENCIA SEXUAIS 2026

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 3 de agosto de 2026 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas económicas a vítimas de violencias sexuais establecidas no artigo 41 da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI434C).

Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán na Comunidade Autónoma de Galicia a concesión da axuda prevista no artigo 41 da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual. Así mesmo, por medio desta orde convócase a dita axuda para o ano 2026.
2. A finalidade da axuda establecida no referido artigo 41 da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, é proporcionarlle apoio económico ás mulleres vítimas de violencias sexuais.
3. O código do procedemento correspondente a esta axuda é o SI434C.

Persoas beneficiarias e acreditación da condición de vítima
1. Para ser beneficiaria desta axuda a persoa solicitante deberá reunir, na data de solicitude da axuda, os seguintes requisitos:
a) Ser muller, nena ou neno vítima de violencia sexual segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, en España, con independencia da súa nacionalidade e da súa situación administrativa, ou no estranxeiro, sempre que sexan de nacionalidade española. Esta condición acreditarase mediante algún dos documentos establecidos no artigo 9.1.a).
b) Estar empadroado/a e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias. No caso de vítimas menores de idade ou economicamente dependentes da unidade familiar, o cómputo mensual das rendas da unidade familiar non poderá exceder dúas veces o salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias, ou de tres veces o salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias no caso de familias integradas por catro ou máis membros, ou que teñan recoñecida a súa condición de familia numerosa de acordo coa normativa vixente.
d) Ter acreditada a condición de vítima de violencia sexual conforme se establece no artigo 9.

Prazo de solicitude
1. A solicitude da axuda deberá realizarse nun prazo de cinco anos, contados desde o último dos títulos emitidos a favor da vítima acreditativo da violencia sexual sufrida.
O referido prazo empezará a contar desde o día seguinte a aquel en que se notifique a sentenza condenatoria, a orde de protección ou calquera outra resolución xudicial que acorde unha medida cautelar a favor da vítima; ou desde o momento en que se acredite a súa condición de vítima por algún outro dos medios previstos no artigo 3.4 do Real decreto 664/2024, do 9 de xullo.
2. No caso de vítimas menores de idade, estarán lexitimadas para solicitar a axuda por si mesmas cando estean emancipadas. No caso contrario, poderán solicitar a axuda a través de quen exerza a súa representación legal, a condición de que esta non sexa a persoa responsable da violencia sexual que dá dereito a axuda. Se non se solicitou a axuda durante a minoría de idade pola violencia sufrida neste período, a vítima poderá facelo por si mesma cando alcanzase a maioría de idade.
Se a acreditación da condición de vítima se produciu durante a minoría de idade, pero non se solicitou a axuda no devandito período, o prazo a que se refire o parágrafo anterior comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que a vítima alcanzase a maioría de idade.