jueves, 30 de julio de 2026

PROGRAMA RECUPERACION EXCELENCIA NEOTEC 2026

 Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas destinadas ao apoio de entidades que superaron os limiares mínimos do programa Neotec do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) na súa convocatoria do ano 2025, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026. Programa Recuperación Excelencia Neotec (código de procedemento IN870A).

Obxecto
Apoiar a posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxía ou coñecementos desenvoltos a partir da actividade investigadora e nos cales a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía, rescatando para iso aqueles proxectos presentados á convocatoria de referencia (programa Neotec) que obtiveron o selo Neotec na devandita convocatoria do ano 2025 pero que non foron beneficiarios por insuficiencia de crédito.

Beneficiarias
Terán a consideración de entidades beneficiarias as pequenas empresas innovadoras que, tendo presentado unha solicitude de axuda á convocatoria de referencia e obtido o selo Neotec conforme o artigo 14 da convocatoria de referencia, resultasen desestimadas por insuficiencia de orzamento dispoñible para financiar o proxecto con cargo á devandita convocatoria, conforme a resolución definitiva da Presidencia do CDTI da convocatoria do programa Neotec do ano 2025.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará a computarse unha vez transcorridos 5 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e rematará ás 23.59 horas do día 30 de setembro de 2026.

Procedemento de concesión, período subvencionable e xustificación das axudas
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva.
A data de comezo dos proxectos será o 1 de xullo de 2026.
A presentación da documentación xustificativa realizarase no prazo dun mes desde a data de remate do proxecto. Para estes efectos, terase en conta o establecido no artigo 26.1.

EMERXENCIA CINEXÉTICA TEMPORAL POLOS DANOS OCASIONADOS POLO XABARIL NA PROVINCIA DE LUGO

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2026, do Departamento Territorial de Lugo, pola que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril na provincia de Lugo.

RESOLVO:
Primeiro. Declarar a emerxencia cinexética temporal para o xabaril nos terreos cinexéticos e non cinexéticos da provincia de Lugo, debido ás circunstancias especiais e xeneralizadas derivadas dos danos ocasionados por esta especie á agricultura, gandería e ao ecosistema, ao perigo de accidentes de tráfico e previsibles riscos ambientais e sanitarios ocasionados polo xabaril, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas conducentes ao control das súas poboacións a través de distintas modalidades e procedementos de captura.
Segundo. A vixencia desta declaración de emerxencia cinexética temporal estenderase desde a entrada en vigor desta resolución ata o 31.7.2027.
Terceiro. Durante a vixencia da declaración de emerxencia cinexética temporal poderanse adoptar as medidas que se relacionan a continuación para o control das poboacións de xabaril, estándose en todo caso suxeito ás limitacións establecidas no artigo 44 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia:
Permitirase abater ou capturar sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas en todas as súas idades. Permitirase así mesmo abater crías e femias seguidas de crías, previa autorización especial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de acordo co establecido no artigo 71 da lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.
1. En terreos cinexéticos:
A) Durante período hábil de caza de xabaril (do 15.8.2026 ata o 28.2.2027, ambos incluídos):
As modalidades de caza permitidas para esta especie poderán practicarse durante todos os días da semana, con comunicación previa ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, salvo o especificado no apartado A.2) para as zonas libres de caza, atendendo aos seguintes condicionantes:
A1) Nos terreos en réxime cinexético especial, (que comprenden os Tecor e explotacións cinexéticas comerciais de caza maior): as cazarías correspondentes a xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2026/2027, deberán ser comunicadas previamente ao Departamento Territorial competente en materia de caza (procedemento MT720C).
A2) Nas zonas libres de caza as cazarías estarán suxeitas en todo caso a autorización. Para isto, deberase solicitar ao Departamento Territorial competente en materia de caza, cunha antelación mínima de dez días naturais, (procedementos MT720K e MT720L). Desde o 15.8.2026 ata o 28.2.2027, nas zonas libres de caza poderanse autorizar cazarías ao xabaril unicamente os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.
En todos os terreos cinexéticos, na modalidade de agardo ou espera, poderán agruparse nunha soa comunicación varias xornadas, debendo indicarse expresamente por motivos de seguridade a localización aproximada, mediante coordenadas UTM, dos diversos postos fixos que poidan ocuparse.
Así mesmo, en terreos de réxime cinexético especial poderase autorizar aos propietarios dos terreos afectados a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardos ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético. Neste caso as persoas cazadoras deberán portar durante a acción de caza unha autorización por parte do titular cinexético, que será nominativa, persoal e intransferible para cada xornada, e deberán cumprir, así mesmo e en todo caso, cos requisitos esixidos no artigo 58 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.
Co fin de aumentar a eficacia e optimizar o aproveitamento cinexético nesta modalidade, facilitar a identificación dos exemplares e garantir a seguridade das persoas, poderase utilizar con carácter excepcional:
– Con autorización da dirección xeral de Patrimonio Natural, dispositivos de mira dos cales forme parte un convertedor ou amplificador electrónico de luz para o tiro nocturno durante a práctica da modalidade do agarda ou espera nocturna e fontes luminosas para a iluminación dos albos.
– Dispositivos electrónicos, tales como detectores ou controladores de hora de paso ou presenza, para a posterior realización de esperas nocturnas ao xabaril.
– Autorízase en terreos cinexéticos a achega puntual e concentrada nun só punto ou localización dunha pequena cantidade de alimento vexetal ou penso, cunha antelación máxima de 3 días á celebración do agardo ou espera, e sempre que isto non constitúa unha alimentación suplementaria. Non se permite o emprego de ningún tipo de equipo ou utensilio dispensador de alimento, cuxo uso está prohibido. Non se autoriza a achega de alimentos cárnicos nin a distribución ou diseminación de alimentos por lugares distantes do posto de espera ou agardo previsto.
Os titulares de terreos de réxime cinexético especial, que no seu correspondente plan anual de aproveitamento cinexético solicitaran a caza do xabaril na modalidade «en man», co correspondente calendario, deben compatibilizar a caza do xabaril nesta modalidade coas restantes modalidades permitidas; de xeito que non coincidan ou no mesmo espazo, (asignando uns determinados terreos ou cuarteis de caza para cada modalidade), ou no mesmo tempo, (non podendo coincidir polo tanto estas modalidades nas mesmas xornadas en todo o espazo cinexético).
Nestes terreos permitirase así mesmo a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadoiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, sendo necesario dispoñer dunha autorización expresa.
Na solicitude deberá indicarse expresamente a súa localización mediante a achega dun plano a escala suficiente, e os datos do persoal responsable da súa execución (nome, apelidos e DNI).
B) Fóra do período hábil de caza para o xabaril (desde a entrada en vigor desta resolución ata o 15.8.2026 e do 1.3.2027 ata o 31.7.2027).
Polo risco sanitario asociado de transmisión de enfermidades de carácter epidemiolóxico con afección potencial sobre o home, como potencial reservorio de epizootias como a PPA, para evitar prexuízos importantes para os cultivos agrícolas, no caso de danos recorrentes ou repetitivos en determinadas zonas e pola incidencia na seguridade viaria pola incursión destes animais nas estradas, provocando accidentes de tráfico, en todos os terreos cinexéticos poderanse adoptar medidas paliativas unha vez que se produzan danos, así como medidas de control desta especie de xeito preventivo.
Neste período, previa solicitude, poderá autorizarse, de acordo coa orde de prioridade indicada no anexo I desta resolución:
– O desencame de xabaríns, con cans atrelados e/ou batidas disuasorias mediante o emprego de cans e sen armas.
– Captura en vivo, mediante o emprego de capturadoiros nas mesmas condicións que as descritas no apartado A anterior.
– A extracción de exemplares de xabaril mediante esperas, axexos e batidas.
2. En terreos non cinexéticos:
Nos terreos non cinexéticos e zonas de seguridade referidos nos artigos 32 e 42 respectivamente da Lei 13/2013, do 23 de decembro de caza de Galicia, para o emprego de modalidades e procedementos de captura será necesario dispoñer dunha autorización expresa.
Permitirase a captura en vivo de exemplares de xabaril, mediante o emprego de capturadoiros, con posterior sacrificio de todos os exemplares capturados, de acordo co procedemento que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Poderá permitirse a práctica da modalidade de agardo ou espera diurna e nocturna, previa solicitude do interesado, na que se indicará a localización aproximada dos postos fixos, mediante coordenadas UTM por motivos de seguridade, adoptando as medidas ou precaucións necesarias para garantir a seguridade das persoas. Será preceptivo neste caso a acreditación da existencia dos danos mediante informe do servizo de Patrimonio Natural.
Nesta clase de terreos, as medidas ou medios de captura permitidos deberán solicitarse ao Departamento Territorial, con polo menos 15 días de antelación á data de celebración. O prazo para resolver e notificar será dun mes, sendo o silencio administrativo desestimatorio.
Cuarto. Os exemplares capturados como consecuencia da aplicación das medidas adoptadas deben identificarse mediante precintos e comunicarse debidamente ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo de 15 días naturais, segundo o seguinte procedemento:
a) En terreos de réxime cinexético especial: a comunicación das capturas realizadas en xornadas non planificadas no plan anual de aproveitamento aprobado para a tempada 2026/2027 realizarase utilizando o procedemento MT720P «procedemento xenérico de caza», mentres que os resultados das cazarías planificadas no plan anual de aproveitamento se comunicarán utilizando o procedemento MT720D.
b) En terreos de réxime cinexético común, terreos non cinexéticos e zonas de seguridade: a comunicación das capturas poderá realizarse utilizando o procedemento MT720P «procedemento xenérico de caza», ou ben, no caso de tratarse dun suxeito non obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, poderá presentar os resultados en papel no rexistro do Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Quinto. Na Reserva Nacional de Caza de Os Ancares aplicarase o seu réxime especial de funcionamento.
Sexto. A presente resolución permanecerá vixente ata a finalización da tempada de caza 2026/2027.
Poderá quedar suspendida no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, previa resolución, no caso de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a súa declaración.
Sétimo. A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

miércoles, 29 de julio de 2026

BOLSAS DE FORMACIÓN EN CENTROS DE INVESTIGACIÓN DIRIXIDAS AO ESTUDANTADO DA UNIVERSIDADE DE VIGO CURSO 2026-27

 Universidade de Vigo

EXTRACTO da Resolución do 21 de xullo de 2026 pola que se convocan bolsas de formación en centros de investigación dirixidas ao estudantado desta universidade para o curso 2026/27.

Obxecto
O obxecto desta convocatoria é desenvolver programas formativos conxuntos coas empresas e coas institucións que melloren a empregabilidade do estudantado, a través do fomento dunha mellor formación teórica e práctica do estudantado, colaborando, en réxime de compatibilidade cos seus estudos, en actividades cun forte compoñente de aprendizaxe e adquisición de novas capacidades e destrezas directamente vinculadas á titulación en que se matricula.

Persoas beneficiarias
Alumnado matriculado en centros propios no curso 2026/27, nas titulacións oficiais de grao ou máster universitario sinaladas no anexo II da convocatoria, no campus en que se opta á bolsa.

Prazo de presentación de solicitudes
Desde o 22 de xullo ata o 2 de setembro de 2026.


lunes, 27 de julio de 2026

AXUDAS A ENTIDADES PRIVADAS PARA O FOMENTO DA GRATUIDADE DA ATENCIÓN EDUCATIVA DE GALICIA EN ESCOLAS INFANTÍS DE 0-3 PARA O CURSO 2026-2027

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 22 de xullo de 2026 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2026/27 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).

Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2026 e o 31 de xullo de 2027 (código de procedemento BS420C).
2. Así mesmo, serán destinatarias da concesión de axudas económicas as entidades privadas xestoras destes recursos que acrediten a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do dito curso.
3. Para os efectos desta orde, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa, aos nenos e ás nenas durante a súa estancia nunha escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular e continuada á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.
Exceptúase da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor, cociña, as actividades extras á atención educativa, os materiais e calquera outro tipo de servizos e conceptos que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.
4. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.
5. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Entidades beneficiarias
1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e Igualdade, apliquen a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 da súa titularidade ou da súa xestión e cumpran os seguintes requisitos:
a) Que estea debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña do permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo de escola infantil outorgado pola Consellería de Política Social e Igualdade.
c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispoña da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e están empadroados nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas teña as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. Quedan excluídas do previsto no número anterior as entidades privadas que xestionan escolas infantís 0-3 de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de titularidade municipal.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e finalizará, en todo caso, o 30 de outubro de 2026.
No caso de escolas infantís en que se producise un cambio de titularidade e a entidade cesante non solicitase esta subvención, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e finalizará, en todo caso, o 30 de outubro de 2026.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS DO MAIOR, PARA OS ANOS 2026 E 2027

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 10 de xullo de 2026 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2026 e 2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

Obxecto
1. Esta orde ten como obxectivo o establecemento das bases reguladoras e proceder á convocatoria de subvencións destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado, para a posta en marcha de casas do maior nos anos 2026 e 2027.
2. As subvencións destinaranse á consecución da seguinte finalidade:
A posta en marcha de casas do maior destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia grao I, e para persoas maiores de 60 anos sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o seu establecemento nos concellos de menos de 5.600 habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia que non conten con recurso de atención diúrna en funcionamento.
Para efectos da presente orde considerase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais adscrito á Consellería de Política Social e Igualdade, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.

Persoas beneficiarias das axudas económicas
1. Poderán ser beneficiarias das axudas para poñer en marcha un proxecto de casa do maior (procedemento BS212A) as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que, ademais do cumprimento do establecido na artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:
1º. Licenciatura ou grao en Medicina.
2º. Licenciatura ou grao en Psicoloxía.
3º. Máster, experto ou especialista en Psicoxerontoloxía.
4º. Diplomatura ou grao en Enfermería.
5º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de técnico Auxiliar Clínica, técnico Auxiliar Psiquiatría e técnico Auxiliar de Enfermería que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, ou se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
6º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria, ou se é o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
7º. Título de técnico Superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en Integración Social e se fixan a súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que na data de publicación desta convocatoria, se atopen traballando na categoría profesional de Asistente Persoal ou Auxiliar de Axuda a Domicilio.
8º. O Certificado de Profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos Socioculturais e á Comunidade que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
9º. O Certificado de Profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente Certificado de Profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio, ou se é o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
10º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.
b) Residir en concellos con menos de 5.600 habitantes que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, enque se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha do proxecto.
c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da casa do maior, nos termos establecidos na orde.
d) Acreditar unha revisión médica anual da persoa promotora ou da/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto, no caso de cooperativa de traballo asociado.
e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos. No caso de cooperativas de traballo asociado, este certificado deberá estar referido á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Permanencia mínima da actividade subvencionada
O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de 5 anos contados desde a data de posta en marcha da casa do maior.
Para estes efectos, entenderase como data de posta en marcha a data de resolución de concesión da axuda concedida ao abeiro desta convocatoria ou a data de cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos casos de concesión condicionada.
Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior alleas á vontade da persoa promotora da casa do maior impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas nos números anteriores.

SUBVENCIÓNS PARA A REDACCIÓN DE PROXECTOS E REALIZACIÓN DE OBRAS QUE EMPREGUEN PRODUTOS DE MADEIRA COMO ELEMENTOS ESTRUTURAIS

 Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a redacción de proxectos e realización de obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais (códigos de procedemento MR502B, MR502D, MR502F e MR502G).

Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases pretenden contribuír a fomentar o uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoios:
– Liña 1.1 (código de procedemento MR502B): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar ou colectiva e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 1.2 (código de procedemento MR502D): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.1 (código de procedemento MR502F): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar ou colectiva e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.2 (código de procedemento MR502G): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) Para as liñas 1.1 (código de procedemento MR502B) e 2.1 (código de procedemento MR502F): as comunidades de montes veciñais en man común de Galicia (en diante, CMVMC), as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes), incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia así como as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
Para os efectos das axudas de minimis e conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.
Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, pola que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (inclúe persoas autónomas que cumpran a condición de empresa). Segundo esta definición, son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto na versión vixente do artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, na data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).
b) Para as liñas 1.2 (código de procedemento MR502D) e 2.2 (código de procedemento MR502G): as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidade delas, que residan en Galicia.
No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de persoas físicas, todas as persoas solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias:
Aquelas solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Aquelas solicitantes que entren dentro da categoría de empresa en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014. As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
As solicitantes que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando estas sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004. Para verificar o cumprimento deste requisito, as solicitantes deberán achegar, xunto á súa solicitude, a acreditación do nivel de cumprimento mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. Os requisitos para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de publicación da convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, salvo que se produza antes o esgotamento dos fondos dispoñibles para esta axuda. No caso de esgotamento dos fondos, o peche do prazo producirá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, conforme o artigo 14.1.
2. O prazo comezará ás 9.00 horas do día que corresponda, unha vez transcorridos cinco (5) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o día de inicio do prazo é inhábil, o prazo comezará o seguinte día hábil, ás 9.00 horas.
3. O prazo rematará ás 20.00 horas do día en que se cumpra un mes desde o seu inicio. Se o día de finalización do prazo é inhábil, o prazo rematará o seguinte día hábil, ás 20.00 horas.

PROGRAMAS INTEGRADOS DE EMPREGO DE GALICIA 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 9 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR332A).

Obxecto
O obxecto desta orde é o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego (código de procedemento TR332A) con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de 12 meses.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:
a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2025 superior a 400 persoas no ámbito territorial do programa.
Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.
Poderán concorrer agrupacións de concellos nos seguintes casos:
• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.
• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.
• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos que se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.
• As agrupacións de concellos non poderán superar os 10 membros.
b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que inclúan nos seus estatutos como un dos seus fins ou obxecto social o acompañamento a persoas desempregadas ou a inserción no mercado laboral.

Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

viernes, 24 de julio de 2026

SUBVENCIÓNS A EMPRESAS PRIVADAS PARA O FOMENTO DA SUSTENTABILIDADE NO DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE INDUSTRIAL DO SECTOR DOS RECURSOS NATURAIS EN GALICIA,2026

 Consellería de Economía e Industria

ORDE do 14 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento IN308D).

Obxecto
Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria para fomentar e incentivar a sustentabilidade nas súas dimensións económica, social e ambiental, no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, así como a súa convocatoria para o ano 2026, a través de cinco liñas de actuación.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 1 serán para financiar os investimentos destinados a incrementar a protección do ambiente da zona afectada pola actividade mineira. En xeral, todos aqueles investimentos destinados a previr ou emendar danos á contorna física ou aos recursos naturais e, especialmente, os destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico mediante a redución das emisións de po e ruído.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 2 serán para financiar os investimentos destinados a mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde dos postos de traballo nas explotacións mineiras. En xeral, todos aqueles investimentos que actúen sobre os riscos relacionados coa seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía nos postos de traballo e, especialmente, os investimentos destinados á redución da exposición das persoas traballadoras ao po, ao ruído e ás vibracións.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 3 serán para financiar os investimentos destinados a mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras en centros de elaboración de rocha ornamental mediante a redución da exposición ao po nos seus postos de traballo.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 4 serán para financiar os investimentos destinados á adquisición de equipamentos que permitan mellorar a eficiencia enerxética en ámbitos distintos dos edificios nas empresas do sector mineiro, en especial as empresas que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como as empresas de explotación de balnearios.
As axudas que correspondan a actuacións encadradas na liña 5 serán para financiar os investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación, así como o seu seguimento anual e renovación das normas UNE 22480, Sistema de xestión mineira sustentable. Requisitos, e UNE 22470, Sistema de xestión mineiro-mineralúrxica-metalúrxica sustentable. Indicadores, as cales acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sustentable nas empresas do sector mineiro.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:
a) Para as liñas 1, 2, 4 e 5, as empresas privadas que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das ditas actividades ou, cando proceda, coa conformidade do órgano administrativo correspondente, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración.
b) Para a liña 3, as empresas privadas con centros de traballo de elaboración de rocha ornamental localizados na Comunidade Autónoma de Galicia, e que non estean incluídas na alínea anterior.
Para os efectos desta orde, considéranse actividades de elaboración de rocha ornamental aquelas actividades incluídas na sección C e, en concreto, na clase 23.70 do CNAE.
c) Para a liña 4, as empresas privadas que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia dedicado ao envasado das augas minerais naturais e á explotación de balnearios e que conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das actividades, de conformidade coa Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración.
Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica e do seu modo de financiamento, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas os empresarios persoas físicas que exerzan actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e concluirá o mesmo día en que se produciu a publicación no mes de vencemento.

AXUDAS Á CONCILIACION DA VIDA PERSOAL, FAMILIAR E LABORAL 2026

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 9 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento SI440A).

Obxecto
Estas axudas están destinadas a apoiar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como medida de fomento da corresponsabilidade das persoas da unidade familiar que exerzan o dereito á redución da xornada laboral, especialmente por parte dos homes, para o coidado dos seus fillos e fillas.
Serán subvencionables as situacións de redución da xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, no período comprendido entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos os dous incluídos.

Persoas beneficiarias
1. Poderá ser beneficiaria das axudas previstas nesta convocatoria a persoa proxenitora do/da menor que exerza o dereito á redución de xornada, segundo as seguintes situacións:
a) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas de distinto sexo, o proxenitor de sexo masculino, xa que o obxectivo do programa é o cambio de tendencia cara á corresponsabilidade real e que, polo tanto, sexan tamén os homes os que se acollan á redución da xornada.
b) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas do mesmo sexo, calquera das persoas proxenitoras.
c) No caso de unidades familiares monoparentais, a persoa a cargo da unidade familiar.
d) No caso de custodia compartida do/da menor, calquera das persoas proxenitoras.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións:
a) Estar empadroado/a en Galicia.
b) Que se trate dunha persoa traballadora por conta allea, tanto na empresa privada como nas administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
c) Que a redución de xornada sexa para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.
Nos casos de adopción ou acollemento familiar a/o filla/fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos e non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, ou 12 anos se o/a menor ten recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.
d) Que os ingresos da unidade familiar non sexan superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2025.
e) No caso de familias monoparentais deberase dispor dalgunha da seguinte documentación: certificado de familia monoparental; libro de familia ou inscrición no rexistro en que figure só a persoa solicitante; convenio regulador ratificado polo xulgado, da nulidade, separación ou divorcio.
f) Non recibir a prestación económica regulada no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento no sistema da Seguridade Social da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, nin estar acollido ao disposto no artigo 106.1.b) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

jueves, 23 de julio de 2026

AXUDAS PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS GALEGOS 2026

 Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento CT207B).

Finalidade
Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.

Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, dadas de alta cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun (1) ano na epígrafe IAE 961.1, e cun centro de traballo ou oficina permanente de, polo menos, un (1) ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. Quedan excluídas desta convocatoria as agrupacións de interese empresarial.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

miércoles, 22 de julio de 2026

SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 7 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas, para a realización de servizos de interese xeral e social (código do procedemento TR352A), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que na data de presentación da solicitude estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en diante, RUEPSS) na categoría de iniciativa social, nas áreas de comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade, e cuxa actividade principal estea dirixida, directamente e de maneira indubidable, a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción social e laboral das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Deberá figurar no RUEPSS a memoria actualizada das actuacións desenvolvidas no ano 2025 pola entidade solicitante. A devandita memoria deberá estar dispoñible antes da reunión da comisión de avaliación prevista no artigo 13.

As entidades deberán dispoñer, polo menos, dun centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta, e no cal se estean a levar a cabo programas de apoio a persoas con discapacidade, dependencia, en risco de exclusión, maiores, menores, familias ou mulleres en situación de vulnerabilidade. É nese centro ou centros de traballo onde as persoas que se contraten ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolver as súas funcións.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

PREMIOS DE ARTESANÍA DE GALICIA 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 7 de xullo de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia, se convocan para o ano 2026 e se autoriza a Fundación Pública Artesanía de Galicia para a súa concesión (código de procedemento IN200A).

Obxecto
Aprobar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia, convocar os premios para o ano 2026 e autorizar a Fundación Pública Artesanía de Galicia para a súa concesión.

Beneficiarias/os
Artesás/áns e obradoiros artesáns con recoñecida traxectoria profesional e que están ou estiveron inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, segundo o premio a que opten.

Importe
A dotación económica global dos premios de Artesanía de Galicia é de 21.000 € e financiarase con cargo aos orzamentos da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
Os premios de Artesanía de Galicia constarán das seguintes categorías:
• Premio Artesanía de Galicia 2026.
Dotación de 9.000,00 € e trofeo acreditativo.
• Premio Traxectoria 2026.
Trofeo acreditativo e sen dotación económica.
• Premio Bolsas Eloy Gesto 2026.
Ata tres bolsas de formación de 4.000 € cada unha e diploma acreditativo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de candidaturas iniciarase a partir das 8.00 horas do 21 de setembro de 2026 e rematará ás 14.30 horas do 1 de outubro de 2026.

martes, 30 de junio de 2026

UTILIZACIÓN DE MAQUINARIA DURANTE A ÉPOCA DE PERIGO ALTO, NOS SUPOSTOS DE ÍNDICE DE RISCO DE INCENDIO FORESTAL MOI ALTO OU EXTREMO

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de xuño de 2026 pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo.

Artigo único. Autorización con limitacións de uso de maquinaria
1. Durante a época de perigo alto de incendio forestal, cando o IRDI acade os niveis de moi alto ou extremo, autorízase a realización de traballos e actividades de carácter preventivo, silvícola ou agrícola que requiran o emprego de maquinaria agrícola ou forestal dentro dos terreos forestais e das súas zonas de influencia dos concellos afectados, nos termos e coas recomendacións establecidos no Pladiga 2026.
2. Na franxa horaria das 12.00 ás 18.00 horas, esta autorización quedará condicionada ao cumprimento dos requisitos establecidos no número 3.
3. Para o desenvolvemento dos devanditos traballos e actividades, será obrigatoria a dispoñibilidade inmediata dos seguintes medios persoais e materiais de extinción:
a) Medios persoais: unha persoa en funcións de auxiliar, cuxa función será a detección temperá de posibles conatos de incendio e a notificación inmediata aos servizos de emerxencia a través das liñas telefónicas 085 ou 112 ou da aplicación móbil Alume.
b) Medios materiais: un vehículo equipado cun depósito de auga cunha capacidade mínima de 400 litros, dous batelumes, un extintor de escuma con base de auga dunha capacidade non inferior a 6 quilogramos e unha mochila extintora cunha capacidade mínima de 15 litros.
En todo caso, o cumprimento destas medidas preventivas e das condicións establecidas pola normativa vixente non exime das responsabilidades que poidan derivar da provocación dun incendio forestal.

Disposición derradeira única. Data de produción de efectos
Esta orde producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

viernes, 26 de junio de 2026

SUBVENCIÓNS PARA A PLANIFICACIÓN DE COMUNIDADES ENERXÉTICAS, 2026

 Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para a planificación de comunidades enerxéticas, anualidade de 2026 (código de procedemento IN418E).

Obxecto
Regular a concesión de subvencións para a planificación enerxética de comunidades enerxéticas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran cos requisitos e coas condicións establecidos nelas (código de procedemento IN418E).

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as comunidades enerxéticas xa constituídas e con residencia ou establecemento en Galicia. Non obstante, poderanse presentar solicitudes de axuda previas á constitución da comunidade enerxética segundo o procedemento descrito nos seguintes artigos.

Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
No caso de comunidades enerxéticas sen constituír, a solicitude presentaraa o representante da agrupación de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poida levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos, ou se atope na situación que motiva a concesión da subvención, sobre a base dun acordo marco de colaboración entre os seus integrantes.
2. O prazo de presentación das solicitudes comezará o sétimo (7º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ás 9.00 horas, e rematará un mes despois ás 23.59 horas. Se o final do prazo coincide en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Prazo para a execución da instalación
A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será ata o 15 de outubro de 2026.

MODIFICACIÓN.- ÉPOCAS HÁBILES DE CAZA, MEDIDAS DE CONTROL POR DANOS E OS RÉXIMES ESPECIAIS TEMPADA 2026/27

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se modifica a Resolución do 13 de maio de 2026 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2026/27.


RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2026/27.

PROCEDEMENTO DE ADXUDICACIÓN DE PRAZAS DE RESIDENCIA E COMEDOR NOS CENTROS DE FORMACÍÓN E EXPERIMENTACIÓN AGRARIA, CURSO 2026/2027

 Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 11 de xuño 2026 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria, e se convocan para o curso académico 2026/27 (código de procedemento MR207A).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria (CFEA) da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e convocar o procedemento de adxudicación para o curso académico 2026/27 nos CFEA de Lourizán (Pontevedra), Sergude (Boqueixón), Pedro Murias (Ribadeo) e Becerreá (código de procedemento MR207A).
2. A oferta de prazas para o curso 2026/27 por centro é a seguinte:

CFEA Nº total de prazas en réxime de pensión completa Nº total de prazas de comedor (só xantar) para curso completo

CFEA de Lourizán (Pontevedra)                32                                                 28

CFEA de Sergude (A Coruña)                    30                                                70

CFEA Pedro Murias (Ribadeo)                  21                                                 23

CFEA de Becerreá (Lugo)                          0                                                  45


Requisitos para ser persoa adxudicataria
1. Serán requisitos para ser adxudicatario/a da praza de residencia nos centros de formación e experimentación agraria dependentes da Axencia Galega da Calidade Alimentaria:
a) Ser cidadán/á de calquera país da Unión Europea ou estranxeiro/a que acredite a residencia ou estea dentro dun programa de cooperación internacional.
b) Ter feitos os 16 anos de idade no ano da publicación da convocatoria.
c) Estar matriculado, en calquera dos CFEA adscritos á Agacal nun ciclo de formación profesional durante o curso escolar.
2. Non terán dereito á reserva de praza de residencia en pensión completa as persoas que, no curso académico inmediatamente anterior, tivesen adxudicada a dita praza e que, durante ese período, acumulasen máis de 3 faltas graves de convivencia, segundo o establecido no regulamento interno do CFEA, ou acumulasen máis de 10 días de ausencia continuada sen xustificar, ou 20 días de ausencia non continuada sen xustificar.
3. Os residentes perderán o dereito de residencia durante o curso escolar cando acumulen 3 faltas graves de convivencia segundo o establecido no regulamento interno do CFEA, ou acumulen máis de 10 días de ausencia continuada ou 20 días de ausencia non continuada sen xustificar.

Forma, lugar e prazo para a presentación de solicitudes
1. As persoas que no curso académico anterior tivesen praza de residencia conservarana para o curso seguinte dun ciclo formativo, logo da presentación da correspondente solicitude, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos académicos para o dito curso e non sexan repetidores/as deste.
As solicitudes para a renovación de praza do alumnado escolarizado durante o curso 2025/26 e as solicitudes de novo ingreso presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado MR207A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, dentro do prazo establecido no número 4.
2. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente as solicitudes en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo de presentación das solicitudes será do 9 ao 29 de xullo de 2026.


SUBVENCIÓNS A PROGRAMAS DE INTERESE XERAL PARA FINS DE CARÁCTER SOCIAL, CON CARGO A ASIGNACIÓN DO 0,7% DO IRPF

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 12 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades, xestionado por esta consellería (código de procedemento BS623D).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2026 as axudas cuxa finalidade é realizar programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades xestionado pola Consellería de Política Social e Igualdade e cuxo obxecto sexa o sinalado no artigo 5.
2. O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
3. Terá o código de procedemento BS623D para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os requisitos seguintes, sen prexuízo de cumprir o establecido no artigo 5 para cada liña de actuación que se vai subvencionar, se é o caso:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data de publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.
A/as entidade/s solicitante/s de axudas para realizar programas recollidos nas liñas I, II, III e VII e/ou execución de proxectos de investimento recollidos nas liñas IV, V, VIII e IX deberá/n estar inscrita/s no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Igualdade.
A/as entidade/s solicitante/s de axudas para realizar programas na liña VI deberá/n estar inscrita/s na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Igualdade.
O cumprimento do requisito de inscrición no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico será comprobado de oficio pola Administración convocante.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades integrantes que participen na execución dos programas/proxectos para os cales se solicita a axuda e a dita agrupación presente a solicitude de inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.
No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades que xa estivesen constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito sempre que a entidade transmitente estivese constituída con dous anos de antelación á data de publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. A nova entidade, en todo caso, deberá solicitar a súa inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparten beneficios; que no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu obxectivo con carácter gratuíto, de conformidade co disposto no seus estatutos e co disposto nos números 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
d) Figurar nos estatutos da/s entidade/s solicitante/s que os seus fins institucionais corresponden á realización e á execución de programas sociais de similar natureza aos programas de interese xeral, para fins de carácter social, para os cales solicitan a subvención.
e) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na mesma liña do anexo I á cal concorre, e que se posúen os medios persoais e materiais necesarios para iso, mediante declaración responsable do representante legal.
No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña IV, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña III do dito anexo I.
No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña V, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña II do dito anexo I.
No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña VIII, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña VII do dito anexo I.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica, de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades integrantes que participen na execución dos programas/proxectos para os cales se solicita a axuda.
No caso de entidades de nova creación, legalmente constituídas, que se subroguen nos dereitos e obrigas doutras entidades constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade transmitente.
2. Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa/proxecto subvencionado.
3. No caso de entidades que formen parte de federacións, confederacións, a solicitude das axudas realizarase sempre a través da entidade en que estean integradas e non de forma individual.
No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propor, de entre estas, unha ou varias delas para executar o/s programa/s ou proxecto/s, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante. En todo caso, cada unha das entidades integradas que participen na execución do/s programa/s ou proxecto/s para os cales se solicita a axuda deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.
No caso de que a solicitude de axudas se presente para realizar os programas recollidos na liña VI, non é preciso que a federación, confederación ou persoa xurídica similar estea inscrita na Área de Igualdade no RUEPSS, pero si deberán estar inscritas nesta área as entidades integrantes que vaian executar o programa.
4. Dentro dos límites da lexislación autonómica, tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades sen personalidade xurídica que recollan nos seus acordos de constitución similares fins institucionais, nos termos seguintes:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.
b) As entidades que se agrupan deberán achegar un acordo en que se indiquen os compromisos de execución asumidos por cada unha delas, como membro da agrupación, así como o importe da subvención que cada unha vai aplicar. Cada unha destas entidades terá a condición de beneficiaria da subvención.
c) Deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Na execución de cada un dos programas ou proxectos presentados deberá participar, cando menos, o 50 % das entidades que concorren agrupadas. Pola súa vez, cada unha destas entidades deberá participar na execución destes programas ou proxectos cunha porcentaxe mínima dun 10 % do importe total do programa ou proxecto para o cal se solicita subvención.
No caso de agruparse dúas entidades, ambas deberán participar na execución de todos os programas ou proxectos que presenten, cunha porcentaxe mínima do 10 % do importe total de cada un dos programas ou proxectos para os cales se solicite subvención.
f) Estas entidades poderán solicitar axudas de forma individual ou agrupadas, tendo en conta que cada unha delas cumpra os requisitos e número de programas ou proxectos establecidos no artigo 5 para cada unha das liñas de actuación.
A entidade que figure como solicitante será única e plenamente responsable da agrupación ante a Consellería de Política Social e Igualdade, sen prexuízo da responsabilidade de cada unha das outras entidades membros da agrupación, tal e como establecen os artigos 8.3, 36.2 e 51.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública; as universidades; os partidos políticos e as fundacións deles dependentes; os colexios profesionais; as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación; as sociedades civís; as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

martes, 23 de junio de 2026

PROGRAMA ES-TRANSFORMA EN COOPERATIVAS OU SOCIEDADES LABORAIS E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA A ANUALIDADE 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 3 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802R).

Obxecto e finalidade
Apoiar a creación de cooperativas e sociedades laborais, por persoas traballadoras de entidades con negocios en crise ou sen remuda xeracional, por persoas traballadoras autónomas ou mediante a transformación de todo tipo de sociedades, incluídas as cooperativas xuvenís.

Entidades beneficiarias
As cooperativas e sociedades laborais creadas nos tres anos anteriores á data da presentación da solicitude, que xurdan dalgún dos procesos regulados no número 1 do artigo 5 da orde e, ademais, cumpran os requisitos regulados nos números 2 e 3 do mesmo artigo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes comezará o quinto día hábil posterior ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de setembro de 2026, agas que se produza o suposto de esgotamento do crédito orzamentario.

CURSOS DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA GALEGA E CURSO PREPARATORIOS PARA A OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA, CELGA NO CURSO ACADÉMICO 2026-27

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso académico 2026/27.

Obxecto
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior en liña, e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2026/27, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican nos anexos I e II, respectivamente.

Cursos que se ofertan
1. Os cursos de linguaxe administrativa galega ofertados nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia figuran no anexo I desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre xaneiro e abril.
2. A oferta dos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, figura no anexo II desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre xaneiro e maio.
3. A oferta de cursos recollida nos anexos I e II desta resolución poderá ser modificada en función da organización académica de cada escola, e, de ser o caso, as escolas oficiais de idiomas farán pública a nova oferta con anterioridade suficiente ao inicio dos cursos.

Solicitudes e prazos de inscrición
1. As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. O proceso de inscrición non se considerará correctamente completado ata que as persoas seleccionadas presenten toda a documentación requirida, como se especifica no punto quinto desta resolución.
2. O prazo para a presentación das solicitudes será o seguinte:
– Desde o 29 de xuño ata o 10 de xullo de 2026, para os cursos do primeiro cuadrimestre.
– Desde o do 2 ao 13 de novembro de 2026, para os cursos do segundo cuadrimestre.
Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que sexan presentadas fóra de prazo.
3. O alumnado con discapacidade recoñecida oficialmente farao constar na súa solicitude. A escola poñerá esta circunstancia en coñecemento dos equipos de orientación específicos dependentes do departamento territorial respectivo, no prazo máximo dun mes contado a partir do último día establecido para a presentación da documentación (artigo quinto desta resolución), para que se determinen as adaptacións pertinentes.
4. As persoas aspirantes que se atopen nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 162 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia (DOG núm. 233, do 11 de decembro) nos dous anos anteriores a esta convocatoria farano constar na súa solicitude e terán preferencia no acceso a estes cursos.
5. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado.