viernes, 26 de junio de 2026

SUBVENCIÓNS A PROGRAMAS DE INTERESE XERAL PARA FINS DE CARÁCTER SOCIAL, CON CARGO A ASIGNACIÓN DO 0,7% DO IRPF

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 12 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades, xestionado por esta consellería (código de procedemento BS623D).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2026 as axudas cuxa finalidade é realizar programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades xestionado pola Consellería de Política Social e Igualdade e cuxo obxecto sexa o sinalado no artigo 5.
2. O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
3. Terá o código de procedemento BS623D para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os requisitos seguintes, sen prexuízo de cumprir o establecido no artigo 5 para cada liña de actuación que se vai subvencionar, se é o caso:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data de publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.
A/as entidade/s solicitante/s de axudas para realizar programas recollidos nas liñas I, II, III e VII e/ou execución de proxectos de investimento recollidos nas liñas IV, V, VIII e IX deberá/n estar inscrita/s no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Igualdade.
A/as entidade/s solicitante/s de axudas para realizar programas na liña VI deberá/n estar inscrita/s na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Igualdade.
O cumprimento do requisito de inscrición no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico será comprobado de oficio pola Administración convocante.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades integrantes que participen na execución dos programas/proxectos para os cales se solicita a axuda e a dita agrupación presente a solicitude de inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.
No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades que xa estivesen constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito sempre que a entidade transmitente estivese constituída con dous anos de antelación á data de publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. A nova entidade, en todo caso, deberá solicitar a súa inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparten beneficios; que no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu obxectivo con carácter gratuíto, de conformidade co disposto no seus estatutos e co disposto nos números 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
d) Figurar nos estatutos da/s entidade/s solicitante/s que os seus fins institucionais corresponden á realización e á execución de programas sociais de similar natureza aos programas de interese xeral, para fins de carácter social, para os cales solicitan a subvención.
e) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na mesma liña do anexo I á cal concorre, e que se posúen os medios persoais e materiais necesarios para iso, mediante declaración responsable do representante legal.
No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña IV, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña III do dito anexo I.
No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña V, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña II do dito anexo I.
No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña VIII, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña VII do dito anexo I.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica, de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades integrantes que participen na execución dos programas/proxectos para os cales se solicita a axuda.
No caso de entidades de nova creación, legalmente constituídas, que se subroguen nos dereitos e obrigas doutras entidades constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade transmitente.
2. Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa/proxecto subvencionado.
3. No caso de entidades que formen parte de federacións, confederacións, a solicitude das axudas realizarase sempre a través da entidade en que estean integradas e non de forma individual.
No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propor, de entre estas, unha ou varias delas para executar o/s programa/s ou proxecto/s, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante. En todo caso, cada unha das entidades integradas que participen na execución do/s programa/s ou proxecto/s para os cales se solicita a axuda deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.
No caso de que a solicitude de axudas se presente para realizar os programas recollidos na liña VI, non é preciso que a federación, confederación ou persoa xurídica similar estea inscrita na Área de Igualdade no RUEPSS, pero si deberán estar inscritas nesta área as entidades integrantes que vaian executar o programa.
4. Dentro dos límites da lexislación autonómica, tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades sen personalidade xurídica que recollan nos seus acordos de constitución similares fins institucionais, nos termos seguintes:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.
b) As entidades que se agrupan deberán achegar un acordo en que se indiquen os compromisos de execución asumidos por cada unha delas, como membro da agrupación, así como o importe da subvención que cada unha vai aplicar. Cada unha destas entidades terá a condición de beneficiaria da subvención.
c) Deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
e) Na execución de cada un dos programas ou proxectos presentados deberá participar, cando menos, o 50 % das entidades que concorren agrupadas. Pola súa vez, cada unha destas entidades deberá participar na execución destes programas ou proxectos cunha porcentaxe mínima dun 10 % do importe total do programa ou proxecto para o cal se solicita subvención.
No caso de agruparse dúas entidades, ambas deberán participar na execución de todos os programas ou proxectos que presenten, cunha porcentaxe mínima do 10 % do importe total de cada un dos programas ou proxectos para os cales se solicite subvención.
f) Estas entidades poderán solicitar axudas de forma individual ou agrupadas, tendo en conta que cada unha delas cumpra os requisitos e número de programas ou proxectos establecidos no artigo 5 para cada unha das liñas de actuación.
A entidade que figure como solicitante será única e plenamente responsable da agrupación ante a Consellería de Política Social e Igualdade, sen prexuízo da responsabilidade de cada unha das outras entidades membros da agrupación, tal e como establecen os artigos 8.3, 36.2 e 51.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública; as universidades; os partidos políticos e as fundacións deles dependentes; os colexios profesionais; as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación; as sociedades civís; as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.