martes, 30 de junio de 2026

UTILIZACIÓN DE MAQUINARIA DURANTE A ÉPOCA DE PERIGO ALTO, NOS SUPOSTOS DE ÍNDICE DE RISCO DE INCENDIO FORESTAL MOI ALTO OU EXTREMO

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de xuño de 2026 pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo.

Artigo único. Autorización con limitacións de uso de maquinaria
1. Durante a época de perigo alto de incendio forestal, cando o IRDI acade os niveis de moi alto ou extremo, autorízase a realización de traballos e actividades de carácter preventivo, silvícola ou agrícola que requiran o emprego de maquinaria agrícola ou forestal dentro dos terreos forestais e das súas zonas de influencia dos concellos afectados, nos termos e coas recomendacións establecidos no Pladiga 2026.
2. Na franxa horaria das 12.00 ás 18.00 horas, esta autorización quedará condicionada ao cumprimento dos requisitos establecidos no número 3.
3. Para o desenvolvemento dos devanditos traballos e actividades, será obrigatoria a dispoñibilidade inmediata dos seguintes medios persoais e materiais de extinción:
a) Medios persoais: unha persoa en funcións de auxiliar, cuxa función será a detección temperá de posibles conatos de incendio e a notificación inmediata aos servizos de emerxencia a través das liñas telefónicas 085 ou 112 ou da aplicación móbil Alume.
b) Medios materiais: un vehículo equipado cun depósito de auga cunha capacidade mínima de 400 litros, dous batelumes, un extintor de escuma con base de auga dunha capacidade non inferior a 6 quilogramos e unha mochila extintora cunha capacidade mínima de 15 litros.
En todo caso, o cumprimento destas medidas preventivas e das condicións establecidas pola normativa vixente non exime das responsabilidades que poidan derivar da provocación dun incendio forestal.

Disposición derradeira única. Data de produción de efectos
Esta orde producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.