martes, 23 de junio de 2026

CURSOS DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA GALEGA E CURSO PREPARATORIOS PARA A OBTENCIÓN DOS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA, CELGA NO CURSO ACADÉMICO 2026-27

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso académico 2026/27.

Obxecto
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior en liña, e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2026/27, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican nos anexos I e II, respectivamente.

Cursos que se ofertan
1. Os cursos de linguaxe administrativa galega ofertados nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia figuran no anexo I desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre xaneiro e abril.
2. A oferta dos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, figura no anexo II desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre xaneiro e maio.
3. A oferta de cursos recollida nos anexos I e II desta resolución poderá ser modificada en función da organización académica de cada escola, e, de ser o caso, as escolas oficiais de idiomas farán pública a nova oferta con anterioridade suficiente ao inicio dos cursos.

Solicitudes e prazos de inscrición
1. As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. O proceso de inscrición non se considerará correctamente completado ata que as persoas seleccionadas presenten toda a documentación requirida, como se especifica no punto quinto desta resolución.
2. O prazo para a presentación das solicitudes será o seguinte:
– Desde o 29 de xuño ata o 10 de xullo de 2026, para os cursos do primeiro cuadrimestre.
– Desde o do 2 ao 13 de novembro de 2026, para os cursos do segundo cuadrimestre.
Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que sexan presentadas fóra de prazo.
3. O alumnado con discapacidade recoñecida oficialmente farao constar na súa solicitude. A escola poñerá esta circunstancia en coñecemento dos equipos de orientación específicos dependentes do departamento territorial respectivo, no prazo máximo dun mes contado a partir do último día establecido para a presentación da documentación (artigo quinto desta resolución), para que se determinen as adaptacións pertinentes.
4. As persoas aspirantes que se atopen nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 162 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia (DOG núm. 233, do 11 de decembro) nos dous anos anteriores a esta convocatoria farano constar na súa solicitude e terán preferencia no acceso a estes cursos.
5. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado.