Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Obxecto
Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, oso e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, procedendo á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MT809D).
Persoas beneficiarias
1. Liña para a prevención de danos ocasionados polo lobo e oso:
Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta, equino e apícola que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.
2. Liña para prevención de danos ocasionados polo xabaril:
Poderanse acoller a estas axudas:
a) As persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).
b) As explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo.
Contía
a) Liña de prevención de danos ocasionados polo lobo: comprenderá ata un importe de un millón oitenta e oito mil setecentos trinta e dous euros (1.088.732 €), que se destinarán para a adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada.
b) Liña de prevención de danos ocasionados polo oso: comprenderá ata un importe de dez mil euros (10.000 €) que se destinarán para a adquisición de pastores eléctricos.
c) Liña de prevención de danos ocasionados polo xabaril: comprenderá ata un importe de catrocentos cincuenta mil euros (450.000 €) que se destinarán para a adquisición de pastores eléctricos.
A repartición anterior aplicarase sen prexuízo de que, unha vez atendidas todas as solicitudes para cada liña de actuación, poida utilizarse o posible orzamento sobrante nunha delas para atender solicitudes na outra.
Subvencionarase a adquisición de:
1. Cans para a protección e defensa do gando: para súa adquisición ata un importe máximo de 300 € por can, para os gastos de mantemento ata 200 € por can.
2. Adquisición de pastores eléctricos. A contía máxima da axuda por explotación é de 600 €.
3. Adquisición de cerrumes móbiles de malla electrificada. A contía máxima da axuda será de 100 € por malla de 50 m, ata un máximo de 8 mallas por explotación.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.