Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto
Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións destinadas á realización do programa Retorna Cualifica Emprego e convocar estas subvencións para a anualidade 2025.
Entidades beneficiarias
Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as entidades xurídicas privadas que cumpran os requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e que, ademais, reúnan as seguintes condicións:
a) Que careza de fin de lucro. Considerarase que tamén carecen de fin de lucro aquelas entidades que desenvolvan actividades de carácter comercial, sempre que os beneficios resultantes destas se invistan na súa totalidade no cumprimento dos seus fins institucionais non comerciais.
b) Que teña plena capacidade de obrar e acrediten a seguinte solvencia económica, financeira e técnica ou profesional:
b.1) Solvencia económica e financeira:
i. Ao tratarse de persoas xurídicas, contas anuais depositadas no Rexistro de fundacións ou rexistro correspondente en función da súa natureza ou do seu réxime xurídico. As contas deberán estar asinadas pola entidade concorrente en cada unha das súas follas ou o documento contar con sinatura electrónica do representante legal da entidade.
ii. Se por causa xustificada non é posible achegar as ditas contas, a solvencia económica acreditarase mediante a presentación do balance de situación xunto cun informe bancario.
b.2) Solvencia técnica:
i. Experiencia mínima de dous (2) anos na xestión e desenvolvemento de programas de formación e cualificación para o emprego e de atracción de talento, con financiamento público.
ii. Acreditar un mínimo de compromisos equivalente a 40 postos de traballo con empresa/s con centros de traballo en Galicia que ofrezan postos de traballo vacantes para ofertar as persoas destinatarias do programa Retorna Cualifica Emprego.
c) Que teña experiencia acreditada en actividades de asesoramento e asistencia técnica en procesos de selección de talento. Esta experiencia acreditarase mediante unha relación das actividades realizadas nese ámbito, indicando o tipo ou tipos de postos de traballo obxecto de selección así como, se é o caso, indicando en que países se realizaron e o destinatario público ou privado destes servizos.
d) Que acredite ter capacidade, solvencia, eficacia, experiencia e recursos humanos e materiais para a realización, organización e coordinación das accións do programa Retorna Cualifica Emprego previstas no artigo 3 da presente orde. Para estes efectos, como mínimo, deberá contar cos seguintes recursos:
d.1) Recursos humanos: un/unha prospector/a laboral, un/unha orientador/a laboral, unha persoa titulada media ou superior con experiencia e/ou coñecemento en tramitación de autorizacións administrativas necesarias para residir en España, un/unha técnico/a en selección de recursos humanos e un/unha administrativo/a. Acreditarase mediante unha descrición dos recursos humanos destinados á execución do programa en que deberá constar as titulacións académicas e/ou profesionais, así como a experiencia laboral das ditas persoas.
d.2) Recursos materiais: instalacións para reunións, entrevistas, formación, así como sistemas de comunicación de voz e datos e medios audiovisuais. Acreditarase a través dunha descrición dos recursos materiais de que dispoña a entidade para a realización do programa.
Persoas destinatarias das accións do programa Retorna Cualifica Emprego
1. As persoas destinatarias finais do programa Retorna Cualifica Emprego serán persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega residentes no exterior, que estean interesadas en integrarse laboralmente en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión da nacionalidade española.
b) Ser menor de 55 anos.
c) Residir fóra de España.
d) Acreditar un mínimo de un ano de residencia fóra de España inmediatamente anterior á data de inicio de participación no programa Retorna Cualifica Emprego.
e) Estar vinculadas a Galicia por algún destes xeitos:
i. Ser emigrante nacido en Galicia.
ii. Ser emigrante non nacido en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante seis (6) anos con nacionalidade española antes de emigrar.
iii. Ser descendente por consanguinidade de emigrante nacido/a en Galicia, sempre que a persoa solicitante nacese no estranxeiro.
f) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estaren vinculadas a un concello galego. Este requisito poderá acreditarse con posterioridade, pero sempre antes de que a persoa formalice o contrato de traballo.
2. Poderán tamén participar nas accións do programa Retorna Cualifica Emprego o resto das persoas integrantes da unidade familiar que, sen reunir os requisitos establecidos no punto 1 do presente artigo, estean tamén en disposición de aceptar un contrato de traballo en Galicia e consonte os requisitos que a normativa que sexa de aplicación exixa (permisos temporais de residencia, de traballo, e calquera outro que sexa necesario). Para os efectos de participar neste programa, considéranse integrantes da unidade familiar do participante que posúa a nacionalidade española, os seguintes:
a) O/a cónxuxe, sempre que non recaese acordo ou declaración da nulidade do vínculo matrimonial, divorcio ou separación legal.
b) A parella coa que se manteña unha relación análoga á conxugal inscrita nun rexistro público establecido para estes efectos e sempre que non se cancelase a dita inscrición, o que deberá ser suficientemente acreditado. As situacións de matrimonio e inscrición como parella rexistrada consideraranse, en todo caso, incompatibles entre si.
Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase transcorridos cinco (5) días hábiles desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e estenderase ata o 20 de xaneiro de 2025, ou ata que se produza o esgotamento do crédito asignado a esta convocatoria. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.