martes, 31 de diciembre de 2024

AXUDAS A PEMES, AUTÓNOMOS, ASOCIACIÓNS E FUNDACIÓNS DE GALICIA PARA O FINANCIAMENTO DE ACTUACIÓNS EN MATERIA DE RESIDUOS DE COMPETENCIA MUNICIPAL 2025

 Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a pemes, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975V).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a pequenas e medianas empresas, autónomos, asociacións e fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia para a construción e ampliación de instalacións de preparación para a reutilización (en diante PxR) de residuos domésticos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.) e construción de instalacións de reciclado de residuos téxtiles ao tempo que se fai pública a súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975V).

Entidades beneficiarias
1. Con carácter xeral, poderán ser persoas beneficiarias destas axudas, pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que fora súa forma xurídica, que, cumprindo o establecido neste artigo, desenvolvan ou materialicen o proxecto ou actuación obxecto da subvención no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Considerarase empresa, aos efectos das presentes bases reguladoras e segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica incluídas as asociacións e fundacións sen ánimo de lucro. Inclúense nesta definición, en particular, os autónomos, comunidades de bens e calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda que carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial.
3. Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica e sempre que se axuste ao sinalado no apartado 2 deste artigo, poidan desenvolver o proxecto, actividade ou comportamento para o que se solicita a axuda deberase facer constar expresamente tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a condición de persoa beneficiaria. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas propias dos beneficiarios dunha subvención. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Unha empresa non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea para a mesma actuación de maneira individual e a través dunha agrupación na que se integre. De darse o caso inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo. En cambio, si será posible que unha mesma empresa concorra a esta convocatoria de maneira simultánea para as diferentes liñas subvencionables as que se refire o artigo 3, para o que deberá presentar unha solicitude para cada unha das liñas subvencionables, de ser o caso.
5. Non poderán ter a condición de persoa beneficiaria:
a) As entidades ou empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento UE nº 651/2014), sempre que a situación de empresa en crise fose anterior ao 31 de decembro de 2019.
c) As entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
d) No caso de que a subvención supere os 30.000 euros e a persoa solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, non poderán ter a condición de beneficiaria as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei. Deberá achegarse declaración responsable de que se atopa ao corrente no cumprimento dos prazos de pago establecidos no artigo 4 de dita Lei 3/2004, de 29 de decembro (anexo I).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, a contar dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
En todo caso, non se admitirán a trámite e se ditará resolución de inadmisión e arquivo daquelas solicitudes que se presenten fora do prazo establecido neste artigo.

Outros datos
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975V).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).