jueves, 28 de septiembre de 2023

PROGRAMA DE CENTROS DE FABRICACIÓN AVANZADA: AXUDAS AO INVESTIMENTO PARA INFRAESTRUTURAS LOCAIS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa centros de fabricación avanzada), susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408C).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e o seu obxecto é apoiar a posta en marcha de proxectos de creación de infraestruturas en Galicia que contribúan a nivel local a mellorar o contorno das empresas e os consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estarán á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobrará polo uso ou venda das infraestruturas será o prezo de mercado.
b) Deberán permitir a utilización por parte dos seus destinatarios mediante unha estrutura de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice. Non serán subvencionables os proxectos en que o solicitante ou un terceiro utilice de xeito exclusivo ou moi maioritario a infraestrutura para si ou para a execución de proxectos para terceiros. Para os efectos destas bases, considerarase utilización moi maioritaria por parte dun terceiro á que supere o 75 % da facturación da infraestrutura.
c) A concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar as infraestruturas realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.
d) Deberán prestar servizos que non estean dispoñibles localmente no momento da solicitude, ou servizos cuxa oferta local non se axuste ás necesidades das empresas.
O investimento subvencionable deberá ser superior a 100.000 € e inferior a 20.000.000 €.

Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, que adopten a forma xurídica de sociedade limitada ou sociedade anónima, preexistentes ou que se constitúan especificamente para a explotación da infraestrutura proposta, e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que proxecten levar a cabo un investimento nunha infraestrutura subvencionable en Galicia.
b) Que acheguen para o proxecto de infraestrutura unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 20 % dos investimentos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
c) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e/ou un centro de traballo en Galicia. O centro de traballo poderá ser a propia infraestrutura que se vai crear.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será de dous meses contados desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo de dous meses.