lunes, 25 de septiembre de 2023

CONVOCATORIA PREMIOS FIN DE CARREIRA DE GALICIA PARA O ALUMNADO QUE REMATOU ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES NO CURSO 2022-23

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 14 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores no curso 2022/23 en centros públicos de Galicia (código de procedemento ED311G).

Obxecto
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou brillantemente os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores conducentes a unha titulación superior de ensinanzas artísticas no curso 2022/23, nos centros dependentes da Xunta de Galicia (código de procedemento ED311G).
2. Estes premios, ademais de ter asignada unha dotación económica, supoñen un recoñecemento de carácter oficial para o alumnado que conta co mellor expediente académico de entre as persoas solicitantes.

Número e dotación dos premios
1. Poderanse conceder ata seis premios coa seguinte distribución: 2 premios nas ensinanzas artísticas superiores de Música, 2 premios nas ensinanzas artísticas superiores de Deseño, 1 premio nas ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, e 1 premio nas ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais.
2. As persoas premiadas recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción. O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.
3. Só se poderá recibir un premio por persoa. Na simultaneidade de estudos superiores de ensinanzas artísticas no caso de que unha persoa resulte seleccionada en máis dun deles, deberá escoller en cal desexa recibir o premio.

Requisitos das persoas solicitantes
Poderá optar a estes premios o alumnado de ensinanzas artísticas superiores que cumpra os seguintes requisitos:
a) Que teña finalizados, no curso académico 2022/23, os estudos da titulación artística superior pola que opta ao premio nun centro de ensinanzas artísticas superiores de titularidade da Xunta de Galicia, e cuxa data de presentación e defensa do traballo fin de estudos (TFE), estea comprendida entre o día 1 de setembro de 2022 e o día 31 de agosto de 2023.
b) Que teña unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5000 sen arredondamento.

Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, xa que as persoas solicitantes teñen capacidade suficiente e acceso a estes medios, a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda, que deberán observar en todo momento as persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas con esta convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico sereap@edu.xunta.gal
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.