miércoles, 20 de septiembre de 2023

SUBVENCIÓNS Á REALIZACIÓN DE PROGRAMAS DE INTERESE XERAL PARA FINS DE CARÁCTER SOCIAL DIRIXIDOS Á PROMOCIÓN DA IGUALDADE ENTRE MULLERES E HOMES E DE PREVENCIÓN E LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 2023

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto sobre sociedades no ano 2023 (código de procedemento SI452A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas para o ano 2023 destinadas á realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto sobre sociedades, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade, cuxo obxecto sexa o sinalado no artigo 5.
Os programas desenvolveranse no ano 2024. Subvencionaranse programas que fomenten a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, para lograr a eliminación de estereotipos de xénero que conducen a que as mulleres padezan unha situación de desvantaxe no eido laboral, social, persoal, económico, político e cultural. Así mesmo, subvencionaranse determinados programas que teñan por obxecto a prevención de todas as formas de violencia contra as mulleres, segundo o recollido na Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Serán obxecto de subvención os seguintes tipos de programas:
a) Acollemento, atención e asesoramento para mulleres en situación de vulnerabilidade.
b) Acollida e aloxamento que coadxuven na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e das súas fillos e fillas.
c) Programas de información e formación para o empoderamento e participación activa dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade e a mulleres do medio rural, que impulsen o emprendemento, o autoemprego, a formación e a mellora da súa capacitación de cara a mellorar a súa empregabilidade.
d) Programas de conciliación dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade que consistan en actividades de coidado e atención a menores de doce anos, persoas con discapacidade e/ou dependentes e persoas maiores.
e) Actuacións de información e de formación para o empoderamento e participación activa das mulleres, en especial as que sofren situacións de vulnerabilidade e/ou as que residen no medio rural.
f) Programas para o tratamento da saúde integral das mulleres e/ou sobre a sexualidade das mulleres.
g) Programas de apoio e tratamento integral dirixidos a grupos de mulleres vítimas da violencia de xénero especialmente vulnerables: mozas e adolescentes, mulleres con discapacidade, mulleres maiores, mulleres que residen no medio rural, mulleres inmigrantes, mulleres pertencentes a minorías étnicas, etc.
h) Programas que coadxuven na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e dos/das seus/súas fillos e fillas.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social e a Cruz Vermella Española sempre que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. As entidades solicitantes deberán estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades que a integran e a dita agrupación presente a solicitude de inscrición no rexistro dentro do prazo de presentación de solicitudes.
No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade transmitente. A nova entidade, en todo caso, deberá solicitar a súa inscrición no rexistro dentro do prazo de presentación de solicitudes.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu cometido con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización dos programas e actuacións subvencionables de acordo co establecido no artigo 5.
Os fins e obxectivos das entidades solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre mulleres e homes, potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social e atender ás mulleres en situación de vulnerabilidade. Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos seus estatutos ou desprenderse da súa actuación xeral.
f) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materias necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de programas dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, e que se posúen os medios persoais e materias necesarios para iso mediante declaración responsable do representante legal.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades que a integran. No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade transmitente.
2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no punto 1 anterior.
b) As entidades agrupadas deberán de achegar un acordo en que se indiquen os compromisos e o orzamento correspondente a cada un dos membros para a execución conxunta das actuacións, así como a porcentaxe da subvención que corresponderá a cada un dos membros, de ser o caso.
c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.