miércoles, 6 de septiembre de 2023

SUBVENCIÓNS PARA FACILITAR A MOBILIDADE XEOGRÁFICA DAS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO 2023

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI451B).

Obxecto
Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero cando, a causa desa situación, se vexan obrigadas a cambiar a súa residencia habitual como consecuencia da súa contratación por conta allea ou establecemento por conta propia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolucións as mulleres vítimas de violencia de xénero que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que acrediten a súa situación por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida no prazo dos 24 meses anteriores ao cambio de residencia.
Para os efectos desta resolución tamén terán a condición de vítima de violencia de xénero as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia por interposita persona.
b) Que cesasen a relación de convivencia co seu agresor.
c) Que a media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non supere o límite do importe de 3,5 veces o IPREM vixente nos 6 meses anteriores á data de presentación da solicitude.
2. As axudas recollidas na presente resolución recoñeceranse cando o traslado se producise con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2023.