martes, 5 de abril de 2022

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS DOS SECTORES INDUSTRIA E SERVIZOS, PARA 2022-2023

 AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos, para o ano 2022-2023, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN417Y).

Obxecto
Regular a concesión de subvencións para a consecución de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industria e servizos.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector servizos ou na industria. Para os efectos destas bases, defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014. Só serán subvencionables as actuacións realizadas en centros de traballo localizados en Galicia.
Consideraranse sector servizos as actividades incluídas nas seccións: G, H, I, J, L, M, N, O, P, Q, R, S, T ou U do CNAE 2009. Dentro do sector industria, serán subvencionables as empresas cuxo CNAE 2009 comece pola división da 07 a 39, excluídas as que comecen pola división 10.2 e 12.
Tamén serán subvencionables as actividades recollidas no IAE que se correspondan con estas seccións do CNAE 2009.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia, corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na letra a) deste artigo e amparadas polo Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

Contía
1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2022-2023 e imputaranse á aplicación orzamentaria 06.A3.733A.770.0.
2. A contía da subvención será do 35 % do custo elixible da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.
3. Establécese unha axuda máxima por proxecto de 500.000 euros.
4. A axuda máxima por empresa beneficiaria no conxunto da convocatoria será de 1.000.000,00 de euros.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 19 de abril de 2022 ás 9.00 horas e finalizará o 3 de outubro de 2022.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega.