INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso do curso escolar 2021/22 Consumópolis-17 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título: Dálle gústame ao consumo circular e responsable (código de procedemento IN114A).
2. O concurso consta de dúas partes: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.
3. A primeira parte do concurso consiste na realización do percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.es
4. A segunda parte do concurso consiste no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto sobre consumo responsable.
Participantes
1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou de 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica en calquera centro público, concertado ou privado da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teñan máis de tres membros do mesmo sexo.
3. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.
4. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.
Categorías de participación
Establécense tres categorías de participación:
– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.
– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.
– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria ou de formación profesional básica.
Premios
1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.
2. Os equipos gañadores de cada un dos tres niveis de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.
Prazo de presentación
O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 6 de maio de 2022.