martes, 26 de abril de 2022

AXUDAS PARA O FOMENTO E A PROMOCIÓN DE RODAXES AUDIOVISUAIS QUE FAVOREZAN A RECUPERACIÓN ECONÓMICA DO SECTOR

 AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207G).

Obxecto
Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais, para o fomento e promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento CT207G).

Entidades beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes dadas de alta cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun ano na epígrafe IAE 961.1 e con sucursal ou oficina permanente de, polo menos, un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 1 de setembro de 2022. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.