INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha das seguintes liñas de préstamos: préstamos para investimentos estratéxicos, préstamos para financiar investimentos en infraestruturas de uso compartido e desenvolvemento de proxectos en Galicia por parte de centros tecnolóxicos e asociacións empresariais, préstamos para financiar a operativa da industria auxiliar naval e préstamos para financiar a operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación que se vai financiar, localizada na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I das bases reguladoras.
c) Acheguen para a actuación unha contribución financeira mínima do 25 % do custo total, exenta de calquera tipo de apoio público.
Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo I das bases reguladoras poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do número 1.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de decembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.