AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes), destinadas ao financiamento das actividades integradas en plans de innovación que lles permitan o fortalecemento naquelas áreas que sexan relevantes para a sistematización e internacionalización dos procesos de innovación da empresa e estean aliñados cos retos da RIS3 para Galicia.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. As axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE número 187, do 26.6.2014).
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda.
2. Quedan excluídos desta convocatoria e non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:
a) As pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme do ano 2017 (Resolución do 27 de novembro de 2017; DOG número 232, do 7 de decembro), do ano 2019 (Resolución do 29 de xullo de 2019; DOG número 153, do 13 de agosto, e Resolución do 29 de outubro de 2019; DOG número 226, do 27 de novembro), do ano 2020 (Resolución do 15 de setembro de 2020; DOG número 196, do 20 de setembro) e do ano 2021 (Resolución do 8 de outubro de 2021; DOG número 203, do 21 de outubro).
b) As pemes que, no momento da publicación desta resolución, inclúan como rúbricas exclusivas da Clasificación nacional de actividades económicas CNAE-2009 algunha das seguintes:
• Sección J: Información e comunicacións: quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: Telecomunicacións; 62: Programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática, e 63: Servizos de información.
c) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2.3 desta convocatoria.
A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.
d) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión Europea que teña declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
e) As pemes vinculadas ou asociadas e/ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial, nos seguintes casos:
• Que fosen beneficiarias doutras convocatorias do programa Innovapeme.
• Que sexan beneficiarias simultaneamente nesta convocatoria. Neste caso, as pemes beneficiarias deberán determinar cal é o expediente que continúa no procedemento.
f) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
g) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.
h) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se crease especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.