AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas ao deseño, da Axencia Galega de Innovación, dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas, destinadas ao financiamento de actividades incluídas no Proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade, relativas ao deseño de produto, deseño de servizos/experiencias e deseño de marca e identidade corporativa, e estean aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia.
Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN848E). As axudas concedidas no marco da presente resolución axústanse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014.
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda.
2. Non poderán adquirir a condición de beneficiarias destas axudas:
a) As pemes que xa resultasen beneficiarias dunha axuda do programa DeseñaPeme.
b) As pemes incluídas nalgunha das seguintes rúbricas da Clasificación nacional de actividades económicas-CNAE-2009:
• Sección J: información e comunicacións. Quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: telecomunicacións; 62: programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática, e 63: servizos de información.
c) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
d) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.
e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se crease especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
f) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2 desta convocatoria. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar a unha empresa en crise.
g) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
h) As pemes vinculadas ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial.
Non poderán coexistir na mesma convocatoria solicitudes de entidades vinculadas (segundo se explicita no artigo 2) ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial, e considerarase soamente a que primeiro presente a solicitude.
Non poderán ser beneficiarias as empresas vinculadas ou do mesmo grupo empresarial doutras que fosen beneficiarias doutras convocatorias desta axuda e transcorresen menos de 2 anos desde a súa concesión.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.