VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2018 as axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, reguladas no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.
Son axudas económicas individuais de carácter periódico que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación para os casos das mulleres vítimas de tráfico con fin de explotación sexual, e mais tentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de vítimas de tráfico con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude; estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, ter permiso de residencia, no caso de vítimas de tráfico con fins de explotación sexual será suficiente acreditar que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais; carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo estará permanentemente aberto a partir do día seguinte ao da publicación das bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia.