martes, 16 de enero de 2018

AXUDAS PARA A EXECUCIÓN DE PROXECTOS DOS GRUPOS OPERATIVOS DA ASOCIACIÓN EUROPEA DA INNOVACIÓN

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018. O seu código de procedemento é MR331B.
En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental nin investigacións independentes.
Beneficiarios
1. Poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións obxecto da presente orde os membros dos grupos operativos da AEI constituídos para efecto do desenvolvemento dun proxecto innovador. Segundo a redacción do artigo 35 do Regulamento 1305/2013, do 17 de decembro, na iniciativa de cooperación deberán intervir, como mínimo, dous actores. Os grupos operativos estarán formados, polo menos, por unha entidade relacionada coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector. Terá preferencia a participación dun centro de innovación, investigación ou tecnolóxico de natureza pública ou privada. Tanto as ditas entidades como os centros mencionados anteriormente poderán acceder á condición de beneficiarios.
Poderán incorporar tamén e acceder á condición de beneficiarios:
1º. Entidades ou persoas físicas relacionadas coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector.
2º. Centros de innovación, investigación ou tecnolóxicos de natureza pública ou privada.
3º. Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.
4º. Entidades asesoras na conservación ou uso sustentables dos recursos naturais ou outras entidades asesoras con intereses recoñecidos no ámbito rural.
5º. Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.
Obriga de relacionarse electronicamente
Tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes remata no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación no DOG.