CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO
Obxecto
1. O obxecto desta orde é regular as bases do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado da paisaxe agraria galega dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica, por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos, e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e cos seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarios para acadar obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou da rendibilidade das explotacións agrícolas, senón que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas rede Natura 2000 pertencentes aos parques naturais.
Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes aos exercicios orzamentarios dos anos 2018 e 2019.
2. Para os efectos desta orde, entenderase por área de influencia socioeconómica do parque natural todo aquel municipio que teña toda ou parte da súa superficie dentro dun parque natural.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
a) As persoas titulares de terreos agrícolas e forestais privados, entendendo por titular tanto a persoas físicas como xurídicas propietarias ou arrendatarias, preferiblemente residentes en zonas rurais situadas dentro do parque natural, ou xestores de terras que realicen investimentos non produtivos necesarios para alcanzar os compromisos adquiridos baixo programas agroambientais ou outros obxectivos ambientais na rede Natura 2000, ou aqueles que realicen investimentos nunha explotación que reforce o carácter de utilidade pública dunha zona Natura 2000 ou outras áreas de alto valor natural.
b) Os concellos que teñan toda ou parte da súa superficie dentro do parque natural na súa condición de xestores de elementos comúns da paisaxe agraria.
c) As asociacións ambientalistas e de custodia do territorio que sexan propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas en áreas elixibles.
d) As empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúe o parque natural constituídas con anterioridade á publicación desta orde, con prioridade para aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural, e que sexan propietarias ou arrendatarias das terras para as que se solicita a axuda.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.