miércoles, 10 de enero de 2018

PROGRAMA DO BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL DO PLAN REHAVITA 2018

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Finalidade
1. As subvencións do Programa do bono de alugueiro social están destinadas a atender con carácter urxente as seguintes unidades de convivencia:
a) Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estaren inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.
b) As das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude estean residindo nun recurso de acollida dos integrados na Rede galega de acollemento para este colectivo e adscrito a unha Administración pública.
c) Aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.
d) Aquelas que, tendo sido beneficiarias do programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desa axuda dentro dos nove (9) meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do Programa do bono de alugueiro social.
e) Aquelas ás cales, tras seren arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), lles finalizase a vixencia do seu contrato, a partir da entrada en vigor desta orde.
f) Aquelas ás cales, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa.
2. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, estas axudas concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, a través de convocatoria pública, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que estean empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia durante, polo menos, os doce (12) meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.
b) Que sexan titulares ou estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.
d) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados no artigo 5.
e) Que os ingresos da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o artigo 4, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples (en diante, IPREM).
f) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.
g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Exceptúase o caso de que, dispoñendo dela, non goce do seu uso e desfrute ou se trate dunha vivenda insuficiente ou inadecuada, por razóns de habitabilidade e mobilidade.
Para os efectos anteriores:
– Considerarase unha vivenda insuficiente aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de 10 m2 de superficie útil. Non se computará, neste suposto, a correspondente a baños, corredores e tendais.
– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade aquela que estea en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria a súa habitabilidade.
– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de mobilidade aquela que, pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos, implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.
h) Que non poidan ser arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.
i) Que as persoas membros da unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Ademais, non deben estar incursss en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. No caso de persoas afectadas pola interposición dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, os seguintes:
a) Que entre a comunicación da interposición da demanda e a presentación da solicitude da axuda non transcorresen máis de seis (6) meses.
b) Que o contrato de arrendamento que motivou o procedemento de desafiuzamento tivese unha duración superior aos doce (12) meses.
3. No caso de mulleres pertencentes ao colectivo de vítimas de violencia de xénero, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, os seguintes:
a) Que a situación de violencia de xénero se producise no seo dunha relación de convivencia.
b) Que cesase a dita convivencia dentro dos doce (12) meses anteriores á presentación da solicitude.
c) Que na data de presentación da solicitude leven residindo polo menos dous (2) meses nun recurso de acollida dos integrados na Rede galega de acollemento para mulleres que sofren violencia de xénero e adscrito a unha Administración pública.
d) Que o documento acreditativo da situación de violencia sinalado no artigo 8 desta orde fose emitido dentro dos seis (6) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.
e) Que a orde de protección ou calquera outra medida cautelar adoptada estea vixente na data de presentación da solicitude e se manteña na data da resolución desta axuda.
4. No caso de unidades de convivencia privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc., ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, será necesario que a circunstancia imprevisible e sobrevida acaecese dentro dos seis (6) meses anteriores á presentación da solicitude.
5. No caso de unidades de convivencia que, tendo sido beneficiarias do programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desta axuda dentro dos nove (9) meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do Programa do bono alugueiro social, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, os seguintes:
a) Que non se lles interpuxese unha demanda por danos causados na vivenda alugada a través do citado programa.
b) Que non teñan débedas derivadas de subministracións dos recibos de auga, electricidade e/ou gas da vivenda alugada a través do programa Aluga por un período superior aos dous (2) meses.
c) Que non perdesen o dereito nin renunciasen á subvención do programa Aluga antes de rematar o seu período máximo.
6. No caso de unidades de convivencia ás cales, tras seren arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, lles finalizase a vixencia do seu contrato, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, será necesario que entre a finalización do contrato de arrendamento e a presentación da solicitude de axuda non transcorresen máis de tres (3) meses.
7. No caso de unidades de convivencia ás cales, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa. Ademais de cumprir os requisitos sinalados no número 1 deste artigo, será necesario que a circunstancia excepcional que motiva a proposta de adxudicación da comisión de seguimento e coordinación do Programa de vivendas baleiras resulte acreditada en virtude do informe dos servizos sociais do respectivo concello a que se refire o artigo 8.1.d).
8. Non poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que tivesen concedida esta axuda nos tres (3) anos anteriores á data de presentación dunha nova solicitude, así como aqueloutras que esgotasen o período máximo de tres (3) anos de desfrute desta axuda.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e terminará cando se esgote a partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 20 de novembro de 2018.