miércoles, 10 de enero de 2018

DESENVOLVEMENTO DAS AXUDAS Á REPARACIÓN DOS DANOS EN ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS, MERCANTÍS E INDUSTRIAIS AFECTADOS POLOS INCENDIOS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


O pasado luns 30 de outubro, no Diario Oficial de Galicia número 206, publicouse a Orde conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.
Tendo en conta que o capítulo VI da citada orde se refire ás axudas que poderán solicitar as empresas e autónomos que operan no ámbito competencial da Consellería de Economía, Emprego e Industria cómpre desenvolver e aclarar determinados aspectos daquela.
Á vista do anteriormente exposto, e de conformidade co establecido no artigo 38.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren os artigos 7, 14 e 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
DISPOÑO:
Primeiro. O destino das axudas será a adquisición dos activos destinados á reparación ou reposición das edificacións, instalacións, maquinaria, bens de equipamento, vehículos, mobiliario, utensilios e existencias danados polos incendios e adquiridos desde o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018.
Estas axudas sométense ao réxime establecido no artigo 50 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
Segundo. Ademais das subvencións contempladas na orde, poderanse bonificar os tipos de xuro dos préstamos dedicados a financiar a restitución dos danos referenciados na anterior epígrafe, segundo os requisitos e procedemento establecidos nas resolucións do 14 de xullo de 2017 polas que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a bonificación dos custos do financiamento das pequenas empresas de Galicia, titulares de préstamos superiores a 25.000 euros e das microempresas titulares de préstamos inferiores ou iguais a 25.000 euros, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (liña pequenas empresas e liña microempresas) (DOG núm. 142, do 27 de xullo), coas seguintes particularidades:
a) As operacións de préstamo serán formalizadas exclusivamente con fondos da propia entidade financeira e poderán contar co aval dunha SGR.
b) O importe máximo do préstamo bonificable virá determinado polos límites de contía de axuda establecidos na base terceira.
c) Poderanse financiar investimentos realizados no prazo de execución, comprendido entre o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018.
Terceiro. A contía da axuda será equivalente ao importe do investimento proxectado para reparar e/ou repoñer os activos danados sempre que non supere ningún dos seguintes límites:
a) O 75 % do valor reflectido no informe pericial de taxación dos elementos danados.
b) 600.000 euros por beneficiario, sen que poida exceder os 100.000 euros no caso de existencias e os 500.000 euros no caso dos demais conceptos.
O investimento subvencionable será o importe da axuda calculado segundo o establecido nesta epígrafe.
Cuarto. Será necesario que o asinante da solicitude sexa o titular da actividade ou teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. No caso de representación, esta deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
Quinto. Pedirase a acreditación da alta no réxime de autónomos unicamente aos titulares que sexan persoas físicas.
Sexto. Aclárase que xunto á solicitude será necesaria a aportación da seguinte documentación, ademais da xa reseñada na orde:
a) En todos os casos, informe pericial de valoración dos danos asinado por perito colexiado.
b) No caso de solicitantes obrigados a formular, aprobar e depositar contas, será necesaria a aportación de:
1. As contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado cuxo prazo legal de aprobación estea vencido na data de entrada en vigor da presente orde, depositadas no Rexistro Mercantil.
2. O inventario detallado do inmobilizado material e das existencias da entidade, asinado polos seus administradores, que dea soporte ao valor neto contable dos elementos contidos nas epígrafes de inmobilizado material e existencias do balance de situación das contas anuais achegadas. No caso de que a empresa conte con máis dun centro de traballo, o inventario deberá permitir identificar a localización dos distintos bens.
c) No caso de solicitantes non obrigados a formular, aprobar e depositar contas anuais, será necesaria a acreditación da titularidade dos bens afectados, mediante nota rexistral, escritura ou factura.
Sétimo. As resolucións de concesión poderán ditarse sucesivamente, de forma individual para cada unha das solicitudes presentadas, a medida que se vaia verificando que toda a documentación que exixen as bases é correcta e está completa, ata o esgotamento do crédito consignado na correspondente partida orzamentaria.
Oitavo. Para a xustificación e pagamento das axudas, no caso de investimentos en obra civil terase que achegar a licencia municipal de obra.
Noveno. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro, no caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable. O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables. Se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de mora.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.