miércoles, 26 de febrero de 2014

SUBVENCIÓNS PARA PROMOVER O AUTOEMPREGO E A ACTIVIDADE EMPRENDEDORA DAS PERSOAS GALEGAS RETORNADAS

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto e réxime das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, subvencionando os gastos que produce o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, ou como socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2014.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederanse a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 3 desta resolución.
A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que levará consigo a inadmisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. No caso de que o crédito establecido para esta subvención non sexa suficiente para proceder ao pagamento de todas as subvencións solicitadas, aplicarase, como criterio de prioridade, a data de presentación das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9 desta resolución.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega.
2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as fillos/as das persoas relacionadas no punto 1 con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2014.